A cantante porriñesa Xoana actúa este sábado –21.00 horas– por vez primeira en Ferrol. E faino no seu escenario máis grande, o das festas de verán, no marco do concerto de Cadena 100, un dos clásicos do programa de ocio da cidade dos festexos na honra de San Ramón.
Cambia moito o espectáculo tratándose dun espazo aberto ante un público diferente?
A verdade é que, ao ser a primeira vez que toco os temas, adaptareinos a este concerto, que será o de referencia das próximas datas.
A súa carreira musical principiou antes da pandemia. En 2019 publicou “Dardos”. Como recorda aquela etapa?
Sacar o primeiro disco foi un proceso co que tratei de introducirme no mundo da música, pero dunha forma moi inocente. Fixen temas co que no seu día foi o meu profesor de música e despois pasou a ser o produtor e, como tiña varias cancións, decidimos sacalas. O novo –xa lanzou o single “En secreto”– é un traballo un pouco máis profesional, máis pensado –non vou dicir que con maior empeño porque o outro tamén o tiña– e cos coñecementos da primeira volta.
En Ferrol presentará o primeiro single do segundo LP...
Tocarei tres temas do novo disco. Non se parecen en nada ao primeiro; son súper diferentes aos do debut, pero iso era algo que tamén buscaba. Quería un cambio e non me apetecía seguir facendo o mesmo, tendo en conta ademais que agora as letras son miñas e non da miña nai, como as de antes, e iso, evidentemente, provoca un cambio importante no punto de vista, na perspectiva da escrita. Considero que é un álbum máis fresco, con inquedanzas dunha persoa da miña idade.
A música en galego está nun bo momento, coas Tanxugueiras como referencia, pero con moitas outras propostas con gancho. Como valora este rexurdir, esa maior presenza e ese maior favor do público?
É importantísimo. A arte, a cultura en xeral, son as máximas expresións dunha lingua e evidentemente a representación do galego na música e nas cancións normalízao moitísimo máis que se aparece nunha aula dun instituto; é obvio que isto é tamén moi importante, pero se non vai acompañado de presenza na rúa, no ocio e na cultura, ese esforzo quedaría coxo. É moi certo que cada vez hai máis grupos, maior representación e tamén máis medios que permiten que estes grupos se manteñan e coexistan con outros. Todo isto é proveitoso e estou segura de que un día se estudará nos libros.
Se tivera que dicir cales son os seus referentes, a súa inspiración, a quen nomearía?
Se digo a verdade, non teño un referente fixo; encántame o pop británico e todas esas rapazas e mulleres que teñen ese rollo... Pero eu vou aprendendo en base á proba-erro e o meu camiño vouno construíndo así, vendo a través da experiencia e do “ensaio” por onde teño que tirar e por onde non.