O Castelo de Moeche prepárase para o seu asalto anual: o Festival Irmandiño

Poucos festivais galegos están tan preto de cumprir medio século como o que cada ano toma as terras modestinas
O Castelo de Moeche prepárase para o seu asalto anual: o Festival Irmandiño
Os primeiros en tomar o castelo serán os máis pequenos I EMILIO CORTIZAS

Os modestinos e modestinas prepáranse para unha das fins de semana máis recoñecidas na localidade, pero tamén por todos aqueles visitantes que cada ano peregrinan cara ás inmediacións do castelo para tomar parte no asalto, os concertos e as propostas que permite a programación que cada ano presenta o Festival Irmandiño. É máis, con esta xa son 46 as edicións que se celebran en Moeche “e segue habendo esa cousa dentro”, explican os membros da comisión organizadora, que ademais de gozar coma nenos nunhas datas coma estas, tamén son os que máis peso teñen enriba, xa que levan, “se hai doce meses no ano, once e medio traballando para que todo isto saia ben”, comentan entre risas.


Despois de medio século, cabería pensar que as cousas ían cambiar. Pode ser que se perdera o ambiente familiar ou que o evento adquirise outro tipo de carácter pero nunca máis lonxe da realidade. De feito, o festival pode presumir de manter a esencia, e dende a directiva pensan saber cal é o segredo para que isto sexa posible: “traballamos sempre coa mesma xente. Todo o que facemos é con empresas da zona coas que nos levamos moi ben e xa saben en todo momento o que fai falta. Chamamos e preguntamos por unha cousa en concreto e non hai que dicir máis”, explican.


Se este nivel persoal está máis que claro, tocaría saber a chave do éxito a nivel operativo. Neste caso, os organizadores aseguran que “a diferenza está en que somos unha entidade que está formada por veciños e veciñas, xente de Moeche que vive e pasa o seu día aquí. Isto fai que todo se converta nunha cousa próxima, do pobo, porque somos os mesmos que íamos á escola xuntos”.


Esta insignia, sen embargo, non é algo inamovible. De feito, a directiva ten máis que claro que acollerán “cos brazos ben abertos” a todos aqueles que queiran ir traballar con eles porque “ao final, iso tamén é unha parte da identidade de este festival”.

DSC 5700 24005.72
Un momento da competición de xogos populares dunha edición pasada I EMILIO CORTIZAS


Os negocios da zona non dubidan en sumarse a esta proposta. Dende aqueles que “prestan o transporte para mover, por exemplo, as diferentes estruturas que precisamos na zona”, até o papel da hostalaría, xa que estes “botan unha man coa venda de camisetas e axudan con todo o que pedimos. A colaboración dos locais é realmente grande e é algo para o que só podemos ter palabras de agradecemento”, destacan desde a directiva do evento. 


Outra cuestión é a dos veciños e veciñas, posto que a festividade lévase a cabo en campos de propiedade privada, entón “son eles os que nos deixan os espazos e, en ocasións, son os que veñen limpalo”, cousa que ademais de facilitar o traballo á comisión, fai que todos aqueles e aquelas que así o precisen, teñan zona de acampada, de merenda e tamén onde poder aparcar.

 

 

 


Así, coa irmandade propia do pobo, que se comparte durante este fin de semana, “podemos crear un ambiente máis familiar no que a xente pode traer a súa manta, tirarse no campo e gozar dos concertos cos máis pequenos”.


De feito, isto é o que fixeron os que agora se encargan de sacar a festa adiante. O grupo recorda como os seus pais, por exemplo, eran dos que estiveron nos comezos desta celebración, na que, sen dúbida, “hai un núcleo que é como unha piña” e traballar entre amigos e familia, aínda que siga a ser algo laborioso, sempre se fai un pouco máis ameno, como ben saben en Moeche.


O programa


Este irmanamento que modestinos e modestinas elaboran ao longo de –case– todo un ano deixarase desfrutar a partir de esta mesma noite, porque ás 22.00 horas dará comezo a cita cunha repichoca popular.
Durante a xornada do sábado o castelo permanecerá aberto cunha exposición de xoias de cristal que se pode visitar desde as 11.00 horas, antesala perfecta para a primeira das sesións vermú da fin de semana, ás 13.30 horas. 


As actividades faranse esperar ás 16.00, momento no que tamén terá lugar o primeiro asalto ao castelo, para o público infantil.


Así, depois desta caída da fortaleza –que estará outra vez en pé a medianoite na quenda dos maiores e dos pequenos que aguanten espertos– será o turno da competición. Os xogos populares cobrarán suma importancia ás 18.00 horas para, tres horas máis tarde, dar paso á música coa actuación de Mediarea e De Ninghures (22.30). Despois da lectura do pregón será o turno de Tanxugueiras (00.45) e de Vimbio (02.30).
 

 

Para pechar este cuadraxésimo sexto aniversario, o domingo poderase tomar parte nunha comida campestre –o menú ten un prezo de 10 euros– amenizada por Paracetalfolk e Lina e Lola. 


Con todo, Moeche está listo para engalanarse. Banda sonora, gastronomía e bo ambiente son os tres ingredientes que, sen dúbida, veciños e veciñas souberon atopar para continuar con este bo sabor do que pode presumir o Festival Irmadiño. 

O Castelo de Moeche prepárase para o seu asalto anual: o Festival Irmandiño

Te puede interesar