Lóstregos presentará no Peirao Rock de Mugardos este venres o seu último álbum

Este venres arranca o IV Peirao Rock, que fará saltar aos fans máis incondicionais do metal en dúas noites con nove bandas
Lóstregos presentará no Peirao Rock de Mugardos este venres o seu último álbum
Lóstregos é unha das bandas que formarán parte do Peirao Rock I CEDIDA

Entre este venres e mañá sábado, nove bandas en representación do underground galego, nacional e internacional, farán vibrar Mugardos nunha nova edición do Peirao Rock. Dende as 21.00 horas, música de xéneros diversos como rock, heavy metal, stonner ou psicodélico, entre outros, encherán a Praza da Constitución de potencia e enerxía. 


Lóstregos é unha das agrupacións que subirá esta noite ao escenario. Orixinada en 2014 na Coruña e integrada por C. Lukwos (baixo e voz), I. Endv (guitarra e voz), J. Ur (guitarra) e A. Ffynidwydeen (batería), mestura black metal con folclore pagán de Galicia.


C. Lukwos explica que este estilo tan característico ten unha clara intención que é nin máis nin menos que “reivindicar a herdanza cultural de Galicia, o folclore, o paganismo e as súas lendas” a través dunhas temáticas e letras impregnadas de “mitoloxía, contos” e “unha música extrema ligada ao black metal dos anos 90”.

 

Orixes


Contan, polo momento, cun EP e tres álbumes de estudo que permitiron que a banda adquirise influencia a nivel europeo, movéndose por escenarios de Francia, Bélxica ou Alemaña e festivais como o Resurrection Fest (Viveiro), Barroselas MetalFest (Portugal) ou o Winds of Agony (Barcelona). 

 

Actualmente, atópanse en plena presentación de “Nai”  –o seu traballo máis recente–, un disco conceptual no que auga, lume, ar e terra, como os catro elementos primordiais da natureza, e o éter, como epílogo, constitúen os puntos clave que conforman a “Nai terra, a matriz de todo”.

 

 

As distintas cancións preséntanse “coas súas características propias de cada elemento, como o poder destrutivo ou purificador que cada un ten”, explica o baixista e vocalista. A pesar de que durante estes últimos meses os fans do metal xa pudieron escoitar en directo os temas de “Nai” en distintos lugares españois e europeos, hoxe será a primeira vez que os amosarán nas súas queridas terras galegas que tanto exaltan e aprecian. 

 

O músico afirma que afrontan esta actuación “con moitas ganas” ao ser “o primeiro concerto que damos en Galiza este ano presentando o álbum”. Tamén resulta significativo o feito de que esta actuación teña lugar na comarca, pois aínda que a maior parte de integrantes da banda sexan de Coruña, o baterista A. Ffynidwydeen é de Ferrol.

 

O black metal


O baixista define o black metal como “un xénero que naceu como unha contrarresposta aos valores cristiáns”, polo que moitas veces é considerado “satánico, de adoración ao diablo”. Non obstante, dende Lóstregos o que pretenden é “reivindicar os cultos antigos antes de que o cristianismo se achegase a Europa” a modo de resposta contra esta relixión, pero dende e recuperación “das antigas tradicións, lendas,  folclores...” nun lugar “con tanta historia, simbolismo e herdanza  precristiana”.


Tendo en conta estes ideais aseguran que o black metal é un estilo que lles vai “como anel ao dedo”, xa que ademais de ser unha música que levan escoitando moitos anos e conecta coas súas personalidades, poden conxugala coas lendas, os sons populares e o folclore en Galicia, encaixando “moi ben co concepto que tiñamos á hora de crear o grupo”.


Na noite deste venres subirán ás táboas do Peirao Rock e sentirán “a adrenalina de tocar enriba dun escenario”, cuestión que conciben como “un signo de liberdade” nestes tempos nos que non abonda. 

Lóstregos presentará no Peirao Rock de Mugardos este venres o seu último álbum

Te puede interesar