A quinta edición do Programa de Democratización do Coñecemento que impulsa a Universidade Sénior da UDC para persoas maiores de 50 anos remata este mesmo martes cun acto de clausura na Coruña. O encontro terá lugar ás 19.00 horas nas instalacións da entidade no centro Normal.
Esta formación dirixida aos maiores da comarca tivo lugar no Teatro da Beneficencia de Ortigueira durante os meses de abril e maio e contou coa participación dun total de 45 persoas.
O programa da xornada inclúe diferentes visitas culturais, como a que levará aos estudantes ao Aquarium Finisterrae, e actos académicos, como a celebración do Día das Letras Galegas cun concerto de música tradicional. Do mesmo xeito, ofrecerase unha clase maxistral sobre actividade física na sede da Universidade Sénior. A entrega de diplomas contará co vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle López; a directora da U. Sénior, Matilde García Sánchez; e a concelleira de Cultura, Ana Cartelle Fraga.