O Festival de Ortigueira chama aos artesáns, gastro-buses e foodtrucks

As bases para adxudicar os dous tipos de casetas e outros espazos públicos xa están dispoñibles
O Festival de Ortigueira chama aos artesáns, gastro-buses e foodtrucks
Un dos postos gastronómicos no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira | CEDIDA

O Concello de Ortigueira vén de publicar as bases para adxudicar as casetas e espazos públicos aos interesados en participar, cos seus postos de artesanía ou restauración, este ano no Festival Internacional do Mundo Celta, que se celebrará do 9 ao 13 de xullo. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral, ben presencialmente ou a través da sede electrónica, no prazo de dez días hábiles dende o día seguinte ao da publicación no BOP.


Nesta edición, o evento volverá contar coa tradicional Feira de Artesanía e cunha zona de restauración ambulante integrada por gastro-buses e foodtrucks. En  todo caso, os participantes deberán aboar unha taxa por ocupación da vía pública, que variará segundo os metros cadrados que vaian ser utilizados. Este criterio rexerase pola Ordenanza Fiscal número 15, que actualmente está en proceso de modificación, polo que dende o comité advirten de que os importes finais poden variar. Para coñecer os custes exactos de cada autorización, recoméndase consultar directamente no Concello.


A presente convocatoria habilita 50 postos para a Feira de Artesanía, divididos en dúas modalidades. En primeiro lugar, concederanse 40 autorizacións tipo 1, que disporán de casetas montadas e equipadas con subministro eléctrico e iluminación, de 4,41 m² ou 7,14 m². Ademais, haberá 10 permisos tipo 2, que están dirixidos aos profesionais con mesa propia, de 1x1 metros, sen estruturas adicionais. Para a aprobación valoraranse criterios como a pertenza a asociacións de artesáns, á marca Artesanía de Galicia, elaboración exclusiva de instrumentos musicais tradicionais e máis de cinco anos de exercicio profesional no sector acreditados.


No caso dos foodtrucks e gastro-buses, o festival ofrece 12 autorizacións, das cales dúas serán exclusivamente para opcións vexetarianas ou sen alérxenos, que se situarán na zona da Alameda. Amais desta área, á que se adxudican outros sete permisos de oferta ordinaria, tamén se habilitan espazos na avenida Juan Luis Pía Martínez e na rotonda de San Martiño, en total con tres licenzas entre ambos.


Estes postos de restauración poderán ocupar, como máximo, 15 m², e deberán abrir de 12.00 a 23.00 horas, con posibilidade de ampliar o tempo despois dos concertos. Para autorizar aos solicitantes, valorarase o uso de produtos de quilómetro 0 ou ecolóxicos, variedade do menú, estética do vehículo (que ha de estar homologado), os medios de pago dixital ou o tamaño da empresa. Ademais, é obrigatoria a formación en manipulación de alimentos e o seguro de responsabilidade civil. Máis información en festivaldeortigueira.com.

O Festival de Ortigueira chama aos artesáns, gastro-buses e foodtrucks

Te puede interesar