NESSUN DORMA | A carta que me sentencia

Memoria en #Nordesía: Juan Galán recupera a historia do cabo da aviación republicana Vicente Juan Trotonda
NESSUN DORMA | A carta que me sentencia

Das moitas historias tráxicas acontecidas durante a Guerra Civil hoxe tráiolles unha que chegou ás miñas mans recentemente a través dos investigadores Gabriela Cladera e Joan R. Morell Gregori, a quen agradezo que a compartiran comigo. Trátase da historia do cabo da aviación republicana Vicente Juan Trotonda, nacido á altura de 1920 na localidade de Oliva (Valencia).


Vicente estivo a piques de nacer en Arxentina, pois os seus pais casaron e vivían en Villa Devoto, un barrio residencial de Bos Aires. Antes do nacemento os seus proxenitores regresaron a España. Polo pouco que sabemos del, o noso protagonista non puido acabar o bacharelato por mor do comezo da guerra (aprobou ata 4º curso coa súa correspondente reválida).


Nos primeiros momentos do conflito, e ante a división do exército en dous bandos, as diversas organizacións políticas e sindicais da Fronte Popular crearon as súas propias unidades de milicia. Como militante de IR (Izquierda Republicana), Vicente uniuse ás milicias do seu partido, participando nalgunhas incautacións na súa vila natal á idade de 17 anos. En Madrid, por exemplo, formáronse os batallóns de IR denominados “Azaña”, “Marcelino Domingo”, “José Giral” ou “Madrid”, onde loitaron, ademais de milicianos locais, voluntarios procedentes de diversos lugares de España, en especial do Levante e da provincia abulense. 


Estando en Cervera en no-vembro de 1938, Vicente escribe unha carta á súa tía Anita Trotonda Colomina, que vivía por entón en Villa Devoto, misiva que nunca saíu da localidade ilerdense porque, debido á Batalla do Segre, caeu en poder do exército franquista. A importancia e o tráxico desta carta radica no feito de que certas afirmacións que Juan fai nela –e que aparecen subliñadas en vermello– servirán de argumento e xustificación para que o tribunal que presidiu o consello de guerra sumarísimo o condene á pena capital polo delicto de adhesión á rebelión.


As frases que utiliza Vicente, segundo os acusadores, son inxuriosas contra a dignidade do Movemento Nacional e consideradas especialmente perigosas e daniñas como mostras de propaganda subversiva, marxista e revolucionaria. Así, por exemplo, di que “las ganas de verles solo puede compararse a las que tengo de ver al proletariado mundial libre de toda clase de yugos. España sabrá dar ejemplo”. 

 

Noutro parágrafo encomia as condicións de vida, de igualdade e liberdade da zona republicana: “Aquí en la zona del gobierno legalmente constituido por la soberana voluntad del pueblo, estamos como en el paraíso prometido por los sacerdotes (..). El capitalista es igual atendido que el último trabajador. Los religiosos tienen donde profesar su culto. Al creyente que solicita los ejercicios espirituales se le conceden, se hacen entierros católicos”. 


Así mesmo, desacredita o exército sublevado por levantarse en armas contra o goberno coa axuda de potencias estranxeiras: “Somos enemigos de la guerra, pero esta ha sido provocada por los generales que, llamándose españoles, venden su suelo patrio, al mejor postor, y estos son Alemania e Italia”. Falando da súa familia, relata o seguinte: “La tía Rogelia y el tío ¿Guiquet? están contentísimos, son unos de los militantes más destacados del P.C. (…), Mi padre está muy bien y contentísimo de nuestro triunfo. Mi hermano, Joaquinet, está de conductor en el cuerpo de Carabineros, yo estoy en aviación”. 


Á parte das frases antes mencionadas, de marcada tintura política, tamén desliza algunhas peticións de carácter máis mundano, como que lle envíen tabaco, xa que “en esta parte va algo escaso” e un paquete de mate á súa casa, co que “mis padres se volverían locos de alegría”.


Vicente foi fusilado o 4 de xuño de 1940 no cemiterio do Leste (actualmente, Cemiterio de Nuestra Señora de la Almudena) en Madrid. Entre os anos 1939 e 1945, máis de 2.500 persoas condenadas á morte en consellos de guerra foron executadas contra as tapias dese camposanto. Entre elas cabe destacar a Julián Zugazagoitia Mendieta (1899-1940), político, xornalista e escritor socialista ou as famosas Trece Rosas, varias delas membros das JSU (Juventudes Socialistas Unificadas), consideradas responsables dun delito de adhesión á rebelión e fusiladas o 5 de agosto de 1939.


De acordo con unha publicación do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática (MPR. Fosa: 2005/2010 MADR [Localización de persoas desaparecidas]), os restos de Vicente atópanse nunha fosa do cemiterio baixo construcións varias. “Los primeros fusilamientos de posguerra de los que existe constancia documental en el Cementerio del Este datan del día 16 de abril de 1939, siendo el último el 4 de febrero de 1944. Hay constancia de 2.936 personas ejecutadas durante ese periodo por fusilamiento o garrote vil y enterradas de oficio en fosas llamadas de cuarta o de caridad en esa misma necrópolis”, coméntase no informe.


A tía Anita tiña tres fillas: Ana, Nélida e María Luisa. Aínda que aquela xa non vive, facémonos eco de que os descendentes de Vicente están a buscar a esa rama da familia alén do charco. Por outra banda, na propia Oliva lembran aos fusilados trala Guerra Civil. O 8 de xaneiro de 2022 tivo lugar no seu cemiterio a inauguración do Memorial de las Víctimas del Franquismo, obra do aquitecto Pepe Colomar, que foi impulsado pola Associació de Familiars de Repressaliats do Franquisme d’Oliva (ARFO) e financiado polo Concello. 

 

Na placa aos pés do monumento reza o seguinte texto: “Memorial en reconocimiento de las víctimas de Oliva asesinadas por la dictadura franquista entre junio de 1939 y mayo de 1944 por haber defendido la República ante el golpe de Estado de 1936. Para que su tragedia forme parte de nuestra memoria. Nunca más”. 


Oliva completa o roteiro memorialista con dous novos tótems: un, o número 12, instalado no cemiterio municipal, conta con texto de Pura Peiró (historiadora) e Teresa Llopis (presidenta de ARFO), e recompila información sobre os tres memoriais que hai dentro do recinto. Leva por título “La democracia debe asumir todo el pasado”; o outro, o tótem número 15, instalouse na praza Sant Roc e titúlase “El Raval, 1936-1939”, con texto de Joan Ramon Morell (historiador) e información sobre o barrio do Raval durante a contenda civil.

NESSUN DORMA | A carta que me sentencia

Te puede interesar