Mondra | “A nosa tradición oral é dunha riqueza e dunha diversidade grandiosas”

O artista compostelán subo ao escenario de Armas este domingo ás 22.30 horas
Mondra | “A nosa tradición oral é dunha riqueza e dunha diversidade grandiosas”
Martín Mondragón, nunha imaxe promocional | Sofía Taboada

Un dos nomes propios da música en Galicia é Martín Mondragón, Mondra, que este domingo, ás 22.30 horas, collerá a remuda de Lucía Pérez. Actúa por vez primeira na cidade naval e farao presentando A Ronda, o seu segundo espectáculo, concibido, di, “para un público diverso”. “É”, explica, “unha celebración da música en directo e estamos moi felices de levar este gran formato co que estamos xirando este ano”.

 

Moita xente fala de Mondra. Esperaba este éxito cando comezou a dar os primeiros pasos?
Nunca agardas a acollida que tivemos e é algo que me fai moi privilexiado porque en pouco tempo fun quen de ter a sorte de dedicarme á música. Non foi sen traballo, é certo, pois levamos catro anos moi intensos, pero é un traballo moi ben retribuído polo agarimo da xente, que xa nas primeiras cancións conectou co proxecto. O meu público é ben diverso en todos os sentidos, tamén en idade, e non esquezo o agradecemento a cada persoa que escoita cada canción ou que vén aos concertos.

 

Cal é a clave desa conexión co seu público?
É difícil sabelo. Sempre crin que as músicas de tradición oral tiñan unha capacidade moi grande de conectar en calquera lugar do mundo. É algo que se vive especialmente nos últimos anos cunha chea de proxectos e que estamos a vivir tanto na Galiza coma noutros lugares. Creo moito en establecer un diálogo coa nosa tradición oral, que é como nace este proxecto, mais tamén outra das chaves é que se trata  dun proxecto que fai uso da nosa tradición oral, que é a linguaxe máis primaria, mais falando dende hoxe, dende un rapaz de 25 anos que habita o presente e que medrou no século XXI. Este relato, unido a ese diálogo co pasado, é algo co que a xente conecta.

 

Encaixan ben eses eses dous mundos, a tradición oral e a súa proposta?
Eu penso que si, e esa é a sorpresa constante: que a nosa tradición oral é dunha diversidade e dunha riqueza moi grandiosas. Remexer sempre, dende min, dende o que son, nos diferentes elementos que están nos nosos cancioneiros, na nosa xente de idade que tanto nos aprendeu nas súas cociñas coas súas pandeiretas, é o meu xeito de vivir a galeguidade. Por suposto, nalgunhas cousas non me parezo a dúas xeracións atrás, pero noutras moitas quen nos dera parecernos máis! É sempre ese camiño de tecer unha rede cara ao que somos e cara ao que fomos no pasado para seguir sendo, que a veces é complexo.

 

No tema da lingua, pero tamén no da diversidade en xeral, hai hoxe menos prexuízos?
Non o sei, pero si sei que neste momento do panorama musical a lingua galega está no centro e, pola contra, non o está na sociedade galega, nas vidas dos galegos e das galegas, malia estar nunha situación de emerxencia. Todo gran de area que a música, que a creación nun sentido amplo, poida achegar faralle ben á lingua. Esa é unha teima que temos as artistas que creamos na nosa lingua, e por desgraza é unha acción plenamente política. Ter a plataforma para lanzar mensaxes contundentes é necesario e o mundo está agardando iso: que digamos as cousas nas que cremos e, ademais, no noso idioma. 

Mondra | “A nosa tradición oral é dunha riqueza e dunha diversidade grandiosas”

Te puede interesar