A terceira xornada das festas de verán de Ferrol terá como coprotagonista a Lucía Pérez, cantante moi vencellada a Ferrol e recoñecida tanto en Galicia como fóra, tamén na emigración americana. Este domingo –21.00 horas– será a primeira en subir ao escenario de Armas para ofrecer unha actuación acorde co momento e o lugar. “Non ten nada que ver un concerto no Jofre con outro nun ambiente de festa”, polo que “o éxito será adaptar o espectáculo ao lugar” e tratar de que “a xente se mova e o pase ben”.
Leva moito tempo neste mundo. Se tivera que definir o momento artístico que está a vivir, como o faría?
Este ano cumprín 40 e creo que a nivel persoal e profesional estou nun gran momento. Profesional sobre todo porque tes a madurez dos anos e as experiencias, de moitos momentos preciosos e marabillosos e doutros máis amargos que te van curtindo como artista. O actual é tamén un momento no que teño as cousas moi claras sobre o que quero facer. Considérome unha auténtica afortunada porque levo vinte anos vivindo da miña profesión e de todo o que a envolve. Espero que a xente o poida comprobar en directo.
Esa sensación que transmite tradúcese en que agora está a facer o produto que realmente quere, sen condicionantes?
Si, pero iso é porque todo ten o seu proceso. Vas incorporando novas persoas, novos equipos, ves outros camiños e chega un punto en que fas o que realmente queres e sentes. E iso é un éxito para min.
Cal foi o cambio máis importante que viviu no eido da música nestas dúas décadas?
Cambiou completamente, deu unha volta de 360 graos. A música avanza co mundo e os que nos dedicamos a iso temos que ser conscientes. Todo o sector das plataformas está moi consolidado e nós os artistas vivimos fundamentalmente dos directos, que é onde se materializa todo. Hai que ir adaptándose ao que vén: iso ten que ser así, como en todas as profesións.
Este é un momento en que nun sector amplo da oferta musical non se coida moito a voz...
Exacto. Ves como os tempos mudaron? Sabina non ten voz, pero si unhas letras fermosas, e eu estou a favor deses novos mecanismos como o autotune. Son novos recursos que chegan agora e que se poden aproveitar. Seguramente cando apareceu a guitarra eléctrica pasou algo semellante. No meu caso, como cantante e no meu estilo, a voz é o 95% do que fago. Pero iso depende moito da música que fagas; eu valoro moito a voz porque a través dela quero conmover.
Ten un público internacional moi fiel...
Si. No outono actuaremos en Montevideo e en Bos Aires, e en novembro baixamos a Santiago de Chile. Alí actuara no festival de Viña del Mar e tamén editárase un disco meu. Temos unhas comunidades de galegas da diáspora que me facilitan moito o traballo. Sempre digo que é unha sorte ser galega e ter tantos galegos e galegas espallados polo mundo que sempre me acollen cos brazos abertos.