As instalacións deportivas dos dez CEIPs de Ferrol serán obxecto de melloras durante o verán

O importe total, que achega o Concello e a Xunta, é de 1.038.412,09 euros
As instalacións deportivas dos dez CEIPs de Ferrol serán obxecto de melloras durante o verán
Pavillón do CEIP Ledicia, en Caranza | DANIEL ALEXANDRE

Na Xunta de Goberno Local que se celebrou onte aprobouse a licitación das obras de mellora das instalacións deportivas nos dez colexios públicos do municipio de Ferrol, por un importe total de 1.038.412,09 euros, IVE incluído. Trátase de intervencións que se inclúen no convenio firmado entre o Concello e a Consellería de Educación, polo que desta cantidade, a Xunta aporta 500.000 euros, mentres que o resto é achega municipal.


Os CEIPs nos que se actuará son San Xoán de Filgueira (165.126,30 euros), Isaac Peral (151.915,03), Pazos (149.179,40), Almirante Juan de Lángara (133.064,52), Cruceiro de Canido (119.602,23), A Laxe (109.458,26), Ledicia (81.328,88), Ángela Ruiz Robles (52.064,29), Esteiro (44.830,98) e Ponzos (31.842,20).


“Actuamos en todos os pavillóns dos CEIPs públicos, as obras a executar son de mellora e/ou subsanación de patoloxías existentes nas diferentes instalacións”, concretou o alcalde, José Manuel Rey Varela. Do mesmo xeito, o rexedor sinalou que as actuacións “levaranse a cabo durante o verán para que os alumnos e tamén os clubes poidan disfrutar destes espazos ao inicio do curso escolar”.


O contrato divídese en lotes, dos cales poderanse adxudicar, como máximo, catro por empresa, debido ás características dos distintos centros nos que se vai actuar, que se reparten en parcelas separadas e presentan necesidades diferenciadas.

 

Obras concretas

As melloras a realizar distan moito unhas doutras, compartindo algunhas como a reposición dos pavimentos no Isaac Peral e no Plurilingüe Juan de Lángara, neste último caso tanto na pista pequena como na grande, mentres que no de Pazos e San Xoán de Filgueira levarase a cabo a reparación. No Cruceiro de Canido repintaranse as liñas, amais de substituír os canalóns e a construción de almacéns, entre outros.


Outras actuacións consistirán na reparación da estrutura de aceiro no CEIP A Laxe, así como a reposición de pranchas de panel sándwich; a substitución da carpintaría exterior e acondicionamento do panelado de madeira no Ángela Ruiz Robles; así como a reinstalación de ferros de aceiro da cuberta, selado das fendas e a renovación de barandas en escaleiras no de Esteiro. Tamén son exemplos a reparación de entradas de auga e reposición de paneis no Ledicia e a creación dun novo acceso no CEIP de Ponzos. 

As instalacións deportivas dos dez CEIPs de Ferrol serán obxecto de melloras durante o verán

Te puede interesar