Vacinacións

Pois xa estou medio vacinado: hai tres días recibín a primeira doses dunha destas vacinas que parecen ser a panacea para resolver todos os males que nos aflixen relacionados coa pandemia. Confeso que tiña as miñas reticencias polo pouco tempo transcorrido para comprobar a súa efectividade inmunolóxica. Pero debemos ter fe na ciencia deixando ao lado outros intereses que sen dúbida se puxeron enriba da mesa e que en certa medida influíron : tempo haberá para falar deles.


Así que baixo unha chuvieira monumental fun ao pavillón da Malata onde tiñan organizada a sesión matinal de vacinación. Unha larga fila de aspirantes esperaba a súa quenda e pouco a pouco fomos entrando no recinto . É importante subliñar que todo estaba funcionando baixo unha axeitada organización e en ningún momento houbo ningunha sinal de descontrol. Aproveito esta oportunidade para facer pública a miña felicitación a todo o persoal que colaborou de xeito eficaz para que todo transcorrera coa normalidade desexada.


Dicía ao principio desta peza das reticencias que un pode ter respecto á eficacia dunhas vacinas que aparecen nun tempo “record” sen ese necesario marxe de fiabilidade pero, malia que as presas nunca foron boas, neste caso había que acelerar e tratar de cortar a sangría en vidas humanas que esta pandemia está producindo. Entre o beneficio que pode causar a vacina e os riscos secundarios, parece seguro que son aqueles os quen inclinan a balanza ao seu favor.


¿De onde provén certa porfía nalgúns recepcionistas das vacinas? Pois en que os estados puxeron sobre a mesa das empresas farmacéuticas moitos miles de millóns de euros para acelerar o proceso. O seguinte paso: as dificultades para organizar a súa administración. Na actualidade circulan xa sete vacinas e antes de xuño aparecerán máis para incrementar a oferta. As preguntas que xorden son: ¿cal será a que me corresponda? ¿teñen todas a mesma eficacia? ¿ será mellor a dunha doses ca de dúas? ¿producirán inmunidade ou haberá que administrala cada ano? Son preguntas que aínda non teñen unha resposta concluínte e teremos que esperar a ver se a capacidade infecciosa do virus baixa en proporción á xente vacinada. Hai que esperar, pois somos parte do experimento.


Ter fe e confianza na ciencia: non queda outra. As vacinas salvaron á humanidade de moitas calamidades, así que debemos confiar en que estas que apuntan á diana do covid-19 acerten plenamente e en pouco tempo este pesadelo pase a ser historia. Esperemos.

Vacinacións

Te puede interesar