¡A lavar díxose!

|

E todos á voz de ¡a lavar! puxéronse á faena na crenza de que co lavado sistemático o lustre sairía a relucir logo de frotar arreo. Pois sinceramente creo que a encomenda a estas alturas pode resultar unha misión imposible por moito empeño que poñan algúns en darlle duro.


Temos unha Monarquía que non atravesa por un bo momento, dende hai tempo, todo hai que dicilo: algo por dentro cheira e delata unha certa podremia dentro da casa, e eu que non son monárquico entendo que isto non é nada bo para un país que pretende estar no lugar dos estados asentados nas modernas democracias, e a Monarquía malia non ser elección democrática debera colaborar en que as cousas avancen por aí .


Herdamos unha Monarquía imposta e ademais o seu máximo representante empeñouse en adoptar comportamentos nada exemplares por deshonestos e desleais co pobo ao acubillo desa premisa de que o rei mentres é rei é irresponsable, e dicir que non asume compromiso polos seus feitos sexan os que sexan e...pasou o que pasou.


O pasado 23 tivo lugar o 40 aniversario do intento de golpe de Estado e celebrouse un acto no Congreso dos Deputados co propósito, estou convencido, de lavar a imaxe do exmonarca que non pode pasar a proba do algodón resistindo incluso ao túnel de lavado por tantos “deméritos” acumulados a través do seu peculiar reinado. É normal que os seu fillo na súa intervención o situase no olimpo dos salvadores patrios e lembrase canto debémoslle por librarnos da que nos librou. Os empregados da lavandería usaron ese deterxente pero nin con esas porque na medida en que pasa o tempo ímonos dando conta desa estratexia e semella pouco crible que un golpe de Estado como mandan os manuais o poida frear un rei por moito uniforme que se poña a non ser que exista o convencemento de que aquilo non vai a ningures e mande parar. Hai documentos aínda reservados que cando saian a luz poderán aclarar moitas cousas e quizá poñan a cada quen no sitio que lle corresponde. Xa están tardando.


Podo entender o desacougo producido nos monárquicos polos deméritos do exmonarca: é natural, o desengano é notorio no resto da cidadanía tamén. O que resulta máis complicado de asumir é ver como vaise, co PSOE á cabeza, a por todas no lavado sen ambaxes da figura do “campechano” e do que representa ancorándose no espírito dunha Transición que xa transitou o seu.


“Cousas veredes amigo Sancho que farán falar as pedras” dixolle don Quixote ao seu escudeiro e... ¡xa as estamos vendo!

¡A lavar díxose!