Xulgado de garda

|

Un total de 555.237.619 é a cantidade indecente de euros a pagar a Messi en catro anos seica por renovación do seu contrato. Aquí vos presento os números, polo miúdo para maior inri: (Fagan vostedes, se queren, as contas en pesetas, eu non quero cabrearme máis).

555.237.619 : 4 =138.809 Euros/ Ano/ 138.809.405 : 12 = 11.567.450 Euros/Mes/ 11.567.450 : 30 = 385.581 Euros/Día/ 385.581 : 24 = 16.066 Euros/Hora/ 16.066 : 60 = 267.76 Euros/Minuto/ 267.76 : 60 =4.46 Euros/Segundo

Esto é o que ten que desembolsar o outrora todopoderoso Barcelona de acordo co novo contrato. Práceme presentalo así para unha maior claridade do que significa: Inmoralidade, obscenidade, roubo, esperpento, despilfarro, tomadura de pelo, e tódolos cualificativos polo estilo que se vos poidan ocorrer, por moi duros que sexan.

Nuns tempos como os que estamos a vivir, coa economía baixo mínimos, e tanta xente pasando necesidades sen conto, como é posible que se pague este tsunami de cartos pola fichaxe dun futboleiro?. Co Nou Camp pechado por tempo indefinido, como vai o club a facer fronte a semellante dispendio?. Por outro lado, o señor Messi xa pasa ben dos trinta anos o que quere dicir que está rematando a súa carreira.

Neste noso país xa estamos afeitos, que non satisfeitos, a este tipo de operacións que fan multimillonarios a moitos futbolistas e por riba, á súa sombra, a máis de un aproveitado. Dito doutro xeito, ostentamos o dubidoso e triste récord destas fichaxes. Se aquí non hai corrupción, parecéselle moito.

Non abonda con cabrearse e criticar a operación, por chamarlle dalgún xeito, é preciso denunciala e investigala empezando, como primeiro paso, pola suspensión cautelar. Eu pola miña parte non retiro nin unha soa palabra do título, a cousa é de Xulgado de Garda.

Nin ataco nin defendo a Messi, é a lei, a dura lex sed lex, a que está obrigada a intervir e decidir sobre a lexitimidade destes contratos faraónicos tendo en conta, como agravante engadido, os tempos de apocalipse que estamos a vivir, ¡e o que está por vir!. O problema é, ¿quen lle pon o cascabel ao gato?

Xulgado de garda