Chega a Cedeira a terceira edición de Ópera Studio, un curso de perfeccionamento musical no que participan unha selección de cantantes e instrumentistas na elaboración de pequenos formatos operísticos.
Os intérpretes elixidos tomarán parte dunha formación –entre o 19 e o 29 de agosto– na que se estreará o oratorio “Te Deum” de Charpentier e a obra “The Fairy Queen” de Henry Purcell entre máis recitais de música de cámara en diferentes locais do concello.
Todos os concertos e estreas enmarcados neste Festival Ópera Studio serán gravados para a súa promoción e difusión a outros escenarios co obxectivo de crear un trampolín de lanzamento de novas carreiras profesionais. As anteriores edicións demostraron con creces a consecución desta meta, pois o solista especializado en música antiga e un dos impulsores da iniciativa menciona como unha antiga participante acaba de conseguir unha praza na Schola Cantorum Basiliensis de Basilea, considerado o mellor centro de formación de música antiga a nivel mundial.
Esta iniciativa única en toda Galicia preséntase como unha “formación musical para a vida profesional”, e os seus propósitos van orientados a unha dobre vertente. Ademais desta propagación de novos talentos, a elaboración dos espectáculos permite que estes poidan ofrecerse a programadores culturais.
Aparte da próxima programación en Cedeira xa se levaron a cabo previamente outras actividades, como un obradoiro de canto barroco en Redondela a cargo da profesora Magna Ferreira.
Fran Pérez, xunto con Aida Lozano, Marcos Vieitez e Nicolás Ravelli son algúns dos nomes a cargo da produción e dirección da estrea de “Te Deum”, a primeira programada para esta cuarta edición. l