A mentira como praxe

A mentira soe ser unha arma  que case sempre se volve cal búmerang contra aquel que a lanza: torna e bate contra o mentireiro producindo moitas veces o efecto contrario para o que foi emitida. A mentira  instalouse na política como animal de compañía e úsase sen recato para socavar e inflixir dano ao adversario, sen reparar nas consecuencias na noxenta guerra política na que estamos mergullados. A algúns estáselles facendo dura a dixestión, levan un tempo con flatulencias por non poder asimilar que malia gañar as eleccións non conseguiron instalarse no goberno e van pola metade desta lexislatura dándolle á carraca facendo ruído con toda clase de subterfuxios co gallo de rematar co “sanchismo” que tanto dano provoca nos seus intereses, que non son precisamente os da cidadania.


Estes días o PP  tiña pechada a fichaxe de Noelia Núñez como vicesecretaria de Mobilización e reto Dixital, unha moza de 33 anos disposta a facer tándem con Miguel Tellado á hora de lanzar dardos envelenados contra o goberno, pero miren por onde o pouco que lle durou o cargo porque mentiu sobre a súa formación inflando o seu currículo de títulos que non dispuña e, descuberto o engano, viuse na necesidade de dimitir de todos os seus cargos; unha decisión axeitada, dito sexa de paso. Din que a rapaza é alumna avantaxada de Isabel Díaz Ayuso polo tempo que estivo como parlamentaria na Asemblea de Madrid (leva dez anos vivindo disto da política). Na súa curta traxectoria como deputada no Congreso xa se atreveu a dar leccións de honestidade e do impoluto do comportamento do seu partido diante dos casos de corrupción. Hai que ver! Non se pode cuspir para arriba ho! Pero a que vén inflar o currículo? Serve isto de algo? Non creo que para exercer de deputado/a no Parlamento se necesiten títulos universitarios. Coñecín e coñezo, a vostedes seguro que lles pasará o mesmo, a xente con licenciatura incluso con doutoramento, que non hai por onde collelos pois o grao de estupidez ven innato e aí está por moito que se adorne con títulos. Mentir lévanos directamente ao engano e se insistimos na mentira convertémonos en mentireiros compulsivos, que é o que lle pasa a algúns políticos instalados nas cloacas da falsidade, praxe que lles vai bastante ben polo que se ve. E agora destapouse o caso Montoro, outro gran fraude, que proclamaba aos catro ventos aquilo de que “Facenda somos todos”. Si, si. E isto non fixo nada máis que comezar e quen sabe onde vai chegar tanto escándalo xunto. O desenfreo chegou ata tal punto que estamos no risco de acostumarnos a ver a inxuria e depravación  como cousa normal. Meigas fora!

A mentira como praxe

Te puede interesar

Enrique Barrera Beitia
Xosé María Dobarro
Enrique Barrera Beitia
Xosé María Dobarro