Civismo e barbarie

Ao meu vello e moi querido amigo Vicente Araguas -coñecémonos hai perto de 70 anos, que se di pronto- moléstalle moito o vocábulo fodechinchos, que, como sabemos, dun tempo a esta parte, se usa para se referir a persoas que visitan Galicia. Temos falado en máis dunha ocasión do tema e, por máis que lle teño manifestado que eu entendo que non está dirixido a todos os turistas, senón só a aqueles que, froito da súa ignorancia, actúan con prepotencia e faltos de educación, non acaba de asumir que ese alcume non é desaxeitado. O benquerido Araguas leva dous terzos da súa vida residindo en terras madrileñas e nelas naceron a súa filla e as súas netas, razón que, sen dúbida, pode xustificar ese seu alporizamento ao escoitar o citado neoloxismo. Mais algunha palabra haberá que utilizar para denominar esa xente que actúa cunha caste de espírito colonizador, imperialista e perdoavidas consonte o que, consciente ou inconscientemente, entenden que tiñan os conquistadores españois doutrora. A realidade observable dinos que a maior parte son mesetarios e, como non, madrileños, dado que é a procencia maioritaria dos visitantes foráneos. Mais, quede claro que os denominados fodechinchos non son todos os madrileños nin todos son madrileños. Para mostra o acontecido o sábado da semana pasada no dolmen de Dombate, un máis que lamentable suceso protagonizado por tres parellas de valisoletanos.


Ao remate dunha visita guiada, esas seis persoas castelá-leonesas, non madrileñas, dirixíronse á guía, contratada polo Concello de Cabana de Bergantiños e a Deputación da Coruña para explicar a historia e vicisitudes do monumento megalítico, con moi malos modos. Segundo o seu testemuño, rodeárona, zarandeárona, chamáronlle cousas como cateta ou imbécil, ademais de mandala á merda e ameazala con poñer unha queixa. O motivo: dar as correpondentes explicacións en galego a sabendas de que había xente de fóra.


Como é sabido, o dolmen e o seu entorno son propiedade da Deputación coruñesa desde hai 50 anos e son este ente provincial e o concello de Cabana os que, conxuntamente, se encargan da conservación e das visitas, gratuítas, por certo. Os organismos responsables teñen establecido que as explicacións se fagan en galego, nomeadamente se hai galegos entre os asistentes. Noutros casos a persoa que guíe a visita pode optar polo uso doutro idioma, tendo en conta os usos idiomáticos maioritarios: o español, o inglés, o francés... Eses idiomas -ademais do catalán- fálaos a guía Iria Rivera, a rapaza que, probado está, foi agredida -cando menos verbalmente- e denominada cateta. Xa me gustaría saber cantos idiomas falan os paisanos de Zorrilla ou de Delibes. Creo non equivocarme se digo que só o español. Quen é, xa que logo, cateta ou cateto?


Hai formas e formas de dicir as cousas. Polas boas ata se pode tentar amañar as diferenzas, mais ás bravas... O que parece evidente é que dos partidarios do pensamento único, dos uniformismos de todo tipo, das limpezas étnicas e por aí adiante pouco se pode agardar.


A Deputación coruñesa e o Concello bergantiñán manifestaron que frente estes casos tolerancia cero. Pola contra, Rueda limitouse a dicir que “afortunadamente a maioría dos que nos visitan non teñen esas actitudes e iso é o importante”. Mais, que pasa coas que as teñen? Onde queda a defensa dos agredidos?

Civismo e barbarie

Te puede interesar

Enrique Barrera Beitia
Xosé María Dobarro
Enrique Barrera Beitia
Xosé María Dobarro