Eran nenos e querían cumprir dezaoito anos para ser grandes, sen que pasara o tempo. Agora cando xa teñen os seus anos querían ser mozos outra vez e seren sempre mozos, novos eternamente. O novelista francés, Pierre Benoit, como moitos outros, non se arrepentía das súas loucuras da xuventude, “o que máis me entristece é non poder cometelas de novo”. Aí está, moita xente desconforme co que lle toca.
Quen vai pola beira do río andando, ao carón da natureza, observa como a melodía dos paxaros é sempre a mesma, como a súa bondade é sempre a mesma e o tempo regularmente repítese e fala co entorno, cos animais e coas plantas, que medran sen parar, que morren, renacen e volven medrar, rendéndolle homenaxe a ese tempo que as entende e as respecta, que fala con elas aínda que non diga nada e que tamén conversa coas pedras faladoras, esas que contan os anos e os séculos por milleiros.
Quen puidera ver medrar ás pedras, igual que medran as herbas malas, igual que medran velozmente os anos nos humanos, un tras de outro, ata o final. Cal será a razón pola que non se poida ser sempre un ser vivo, ou cando menos, milenario. A vostede, cando lle gustaría morrer? A ciencia non ten capacidade para descubrir tal cuestión, aínda que os científicos andan niso, estudian a lonxevidade e relaciónana cos costumes de vida, coa alimentación, coa actividade deportiva, coa xenética e con outras mil cousas máis.
O investigador Salvador Macip, catedrático de Medicina Molecular das Universidades Oberta de Cataluña e da de Leicester do Reino Unido, asegura que na actualidade non hai ningunha posible intervención que atrase o envellecemento biolóxico en humanos, pero todo se andará, para que moitas persoas poidan vivir moitos máis anos, sen cancro, sen alzhéimer, sen preocupacións e, cada unha delas, coa súa correspondente pensión en alza.
Se é así, todos contentos. E máis aínda ao saber que é importante durmir ben, ter un sono de calidade para que o cerebro descanse e poida seguir coa súa frenética actividade diaria. Durmir seis ou sete horas seguidas, facer unha dieta saudable, como a dieta atlántica, e fuxir da contaminación. Pero que ninguén se chame a engano. Como di a Tía Manuela, “lonxevidade, para que?”.