Letras Galegas, e no bico un cantar

O poema A Rosalía de Manuel Curros Enríquez, representa unha homenaxe a quen podemos considerar a primeira gran cantareira de Galicia, Rosalía de Castro. Nel destácanse a xenialidade e a creatividade da poeta e folclorista que soubo recoller a tradición oral galega e elevala o cume da literatura moderna, moi destacadamente en Cantares Galegos.


En Rosalía de Castro recupéranse os arumes do popular, do saber do pobo, do seu sentimento, da expresividade, e nela súmanse os seus achados. Na súa obra resoan as voces dos poetas medievais, a expresividade das Cantigas, o entendemento xenial do Rei Alfonso X o Sabio, todos os que foron e os que seguimos a ser xuntos ese Nós, profundo e claro, onde cabemos sen excepcións os que nos consideramos galeguistas, de Mendiño as Tanxugueiras, de Ana Kiro e Uxía as Cantareiras do Berbés, das pandereiteiras as corais e os grupos folclóricos... e, sobre todo, as mulleres anónimas das aldeas, os pobos, as cidades e as vilas da nosa terra.


O recoñecemento a Rosalía de Castro xurde dun poeta tamén do pobo, Curros Enríquez, espello do social, un home que recoñece a unha muller, e nela a xenialidade, a creatividade, a luz femininas. O xesto ten un especial valor, pois é un rexionalista, representante do Rexurdimento, comprometido, pois pertence a tempos nos que non era habitual encomiar en público as donas. Ou autor faino por escrito, sensible, profundo, auténtico, de maneira moi  fermosa:

 

 

(...) na fronte unha estrela,

 

no bico un cantar. (...)

 

 

Galicia é feminina: Nai e señora, en voz de Ramón Cabanillas. É terra de poetas, e de poetisas, de cantantes de camiños, feiras –cantares de cego, por exemplo– e tabernas, tamén de narradores. A fin, de grandes literatos e intelectuais que deixaron un incalculable legado oral, escrito... tamén musical, conformando unha cultura, enriquecendo unha lingua que nos instala na gran Historia, posiblemente constituíndo unha das mais belidas líricas mundiais. Falo dun contexto galaicoportugués que nos outorga unha proxección única, facilmente comprensible en África (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe), América (Brasil), e mesmo en Asia (Timor Oriental), e por suposto en Europa (Galicia e Portugal). Terras todas elas onde as mulleres elevaron as súas voces en fermosas pregarias cantadas a vida, a natureza o os deuses.


As cantareiras son mulleres que, a través da súa voz e da súa memoria, transmiten a poesía oral galega de xeración en xeración. Son as gardiás da nosa tradición cultural e as encargadas de manter a nosa identidade cultural, a nosa tradición, responsables de transmitila ás novas xeracións. Son artistas –por suposto que nais, avoas, irmáns, etc.– que, a través da súa voz e da súa interpretación, dan vida ao noso acerbo, ás tradicións, valores, crenzas e experiencias. Elas foron e son as encargadas de achegar ese inmenso bagaxe ás novas xeracións, preservando así aquilo que nos outorga identidade fronte as ricas propostas emanadas doutros pobos.


As cancións populares foron, son e serán unha forma de expresar emocións e sentimentos que poden ser difíciles de verbalizar doutra maneira, un instrumento de socialización, de convivencia, de expresión de ledicia ou de conxugación de temores, de lecer e entretemento dos anciáns e dos mais novos, como a mellor expresión de protesta e de rebeldía tamén. Consolidándose en escenarios inverosímiles: nos muíños, nos fiadeiros, nas tabernas, e por suposto nas festas familiares, nas sobremesas interminables, e nas romarías.


Di a Real Academia Galega que bico é a demostración de afecto, amor, amizade, respecto ou reverencia que se fai tocando algo ou a alguén cos beizos pechados. De estrela, refire que é a persoa que sobresae na súa profesión, especialmente o artista.


Curros tiña razón, con el recoñecemos a tódalas mulleres de tódolos tempos, e tamén a persoeiros do talle do redondelán Casto Sampedro, autor do Cancioneiro Popular Galego, o a o Pai Calo, tamén a CRTVG, a TVG e a Radio Galega, os creadores de Música en Compostela e a cantos dun ou doutro xeito, desde as institucións o desde a sociedade, contribuíron a este marabilloso legado que supón a expresión dun pobo, dunha lingua, dun cantar, dunha gaita, dunha pandeireta ou dunha orquestra, todo canto celebramos cada 17 de maio, nesta primavera que Cunqueiro desexou eterna.

Letras Galegas, e no bico un cantar

Te puede interesar