Paseaba o outro día á beira do mar da miña vila cando din cun vello coñecido que ao principio custoume identificar ata que me dou pistas de cando eramos nenos e xogabamos sempre na rúa e nos bañabamos no peirao ou na rampla, segundo cadraba. — Lembras que había certa segregación á hora de elixir o lugar do baño e con quen? díxome convencido. Pois eu non caera nese detalle porque tirábanos ao mar dende calquera sitio sen reparar na compaña. Eu non estaba niso das diferencias de clases sociais e non reparei nunca na suposta segregación da que me falaba. Pero que eu non me decatase non significaba que en realidade non existira. Notábase si, por exemplo, nas camaretas da lancha de pasaxe onde as mulleres que ían a Ferrol, a vender o peixe colocaban os paxes no teito da cámara de proa e instalábanse alí, máis por acomodo dos útiles e mercadorías que por pura segregación social. Era, por dicilo dalgún xeito, un acomodo “motu propio” porque o billete custaba o mesmo nas dúas cámaras: o da clase “business” e “turista” non rexía naquel transporte, abofé.
— Leo o que escribes no xornal, Xoán. Por qué non mencionas un día na túa escrita aquelas diferencias entre a xente “ben” e os menos favorecidos? El tíñao moi claro, estaba seguro de que esas desigualdades existían pero non por imposición, díxenlle, senón que cada un se colocaba no sitio que lle petaba, sen máis. Os meus mergullos eran indistintamente na rampla do medio ou na punta do peirao compartindo algarabía cos compañeiros, fillos de pescadores, de comerciantes ou de funcionarios. E aquel que non se atopase cómodo, pois era o seu problema.
Claro que estabamos a falar doutros tempos afastados hai máis de sesenta anos onde as cousas eran ben diferentes as de arestora. Os nenos pasaron de xogaren na rúa compartindo vivencias a recluírse no seu cuarto ao abeiro dos vídeo xogos nun comportamento individualista ben arredado do que mantíñamos na nosa infancia e pre adolescencia. Calquera tempo pasado foi anterior, non mellor, e afortunadamente non podemos, nin debemos, dar marcha atrás e volver a vivir o transcorrido.Vivímolo lembrando, facendo un exercicio de memoria como o que realizamos este vello amigo e máis eu porque temos idade suficiente para remexer nos recunchos máis recónditos da nosa acordanza e comparar o que foi co que é. Niso levámoslle vantaxe á xente nova que, pola súa condición, non ten referencias dun pasado, para eles case inexistente. Evidentemente o que é e moito mellor ao que foi. Afortunadamente.