Leo, en varias sesións, o lector que pida cousa “light” fará ben en alonxarse desta reseña, un libro insólito hoxe. Polo seu tamaño, 633 páxinas, notas finais incluídas, polo seu pulo; non outro que defender esa Europa que se nos vai das mans cun esforzo contracorrente, como axiña veremos. O autor do voluminoso volume, agora si, substantivo, non é outro que José Luis Aulet, xuíz, maxistrado, antes da súa reconversión, mariño mercante.
Todo isto fala dun home polivalente que aponta moitas direccións, cal fai El búho de Minerva (Sial/Pigmalión, Madrid, 2025), o libro no que afondei con interese e esa certa paixón que te leva se non cadras con aspectos concretos do que nel se nos di. Que iso é moi importante para un lector irredento e pouco acomodaticio, como son ou pretendo ser. Aulet, a quen tiña por ferrolán, e non deixa de selo, por máis que nacendo en San Xoán de Piñeiro (Mugardos) pertence a esa tribo ilustrada que lustra aínda máis a nosa cidade.
“El búho de Minerva” leva por subtítulo “Un ensayo en el anochecer de Europa”. E no “anoitecer” si cadro, basicamente porque somos un continente máis que envellecido, entran outros factores que aborda José Luis Aulet con bisturí. E con documentación abondo. Que, como lle teño dito, non vai facilitar que Arabia Saudí ou os Emiratos promocionen un libro, polo demais cheo de datos.
Que un pode discutir ou rebater ou bater neles unha e outra vez, mais sen que isto mingüe o acopio de saberes de que fai gala José Luis Aulet. Quen se enfoca na invasión islámica, incidindo con prolixidade nos atentados yihadistas, que están ou estiveron aí, e contra dos que toda prevención sempre será pouca, fai o propio cos abusos estadounidenses para quen, e non soamente polas friquilladas de Donald Trump, o poderío europeo sempre será materia moi contestable.
Os imperios, o que teñen, e Europa, xa se sabe, ademais do sacro imperio romano-xermánico, pasou sucesivamente polo español, portugués, francés e británico, antes de caer, dun xeito ou doutro, nas poutas da aguia americana. Nada inactivas á hora de escribir esta reseña. Daquela José Luis Aulet estuda o caso americano. Antes fixérao co cisma anglicano, analizando polo miúdo as circunstancias, incluída a terrible represión que fixera a chamada “Bloody Mary”, filla de Catalina de Aragón e mais de quen a repudiara, o propio Henrique VIII, unha vez que acadara cetro e coroa ingleses.
Todo isto, como unha analise comparativa das diferentes relixións, aparece neste libro. Compendio de saberes, escrito con moita galanura ou xeito, de parte dun señor ilustrado que procede do vello berce humanista. E vén, xa se dixo, dunha cidade feita para a guerra, si, mais nada no tempo da Ilustración. Si.