Preto de 300 docentes galegos melloran este verán a súa formación profesional no estranxeiro grazas ao programa Galemundo, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Con máis de 1 millón de euros de investimento, a iniciativa busca promover a internacionalización do ensino e mellorar a calidade educativa a través da actualización lingüística e metodolóxica do profesorado.
O programa conta con dúas modalidades principais: por unha banda, cursos intensivos de idiomas de dúas semanas no Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña durante o mes de xullo; por outra, estadías de inmersión en centros educativos de Canadá, Francia ou Portugal durante o primeiro trimestre do curso 2025/2026. En ambos os casos, os docentes teñen cubertos os gastos de docencia, aloxamento, manutención, actividades culturais e desprazamentos.
Galemundo está dirixido a profesorado de inglés, francés e portugués de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial, así como a docentes de materias non lingüísticas que se imparten en linguas estranxeiras nestas etapas educativas.
Durante a súa participación, os docentes deberán elaborar unha proposta didáctica que poderá empregarse como recurso educativo aberto. Ademais, no caso das estadías en centros escolares, terán que presentar unha memoria da experiencia, co obxectivo de aplicar no seu labor diario os coñecementos adquiridos, novas metodoloxías e enfoques innovadores.
A través deste programa, a Xunta reafirma a súa aposta polo plurilingüismo e a formación continua do profesorado, elementos chave para preparar ao alumnado galego fronte aos desafíos dunha sociedade cada vez máis global e interconectada.