Rueda salienta na novena Romaría de Abanca o papel da entidade como “socio estratéxico da Xunta”

O tradicional encontro reúne a 400 persoas no parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín
Rueda salienta na novena Romaría de Abanca o papel da entidade como “socio estratéxico da Xunta”
Escotet e Rueda durante o seu encontro, este sábado, na Romaría Internacional de Abanca | Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este sábado na novena edición da Romaría Internacional de Abanca, onde destacou o papel da entidade como “socio estratéxico da Xunta de Galicia” e puxo en valor a estabilidade política, a apertura ao mundo e a capacidade de atracción de investimentos dunha Galicia que, subliñou, “segue ofrecendo certezas nun contexto de incerteza e crispación crecente”. 


Durante o acto, celebrado no parador de Santo Estevo, en pleno corazón da Ribeira Sacra, Rueda salientou o acerto da localización escollida para esta edición, lembrando que “Galicia confía en que a Ribeira Sacra sexa declarada este ano Patrimonio da Humanidade, con todo o que iso supón de potencial turístico, de imaxe de Galicia no mundo e de reflexo do que queremos proxectar”. 


Rueda aproveitou a súa intervención para reiterar a importancia de contar con entidades “potentes, estables e con músculo financeiro” que confíen na acción da Administración pública galega e colaboren en proxectos estratéxicos para a comunidade. Neste senso, agradeceu o compromiso continuado de Abanca e tendeu unha man ao seu equipo directivo para seguir traballando en futuros proxectos comúns. 

 

O mandatario galego califica
á comunidade como terra estable, aberta e de oportunidades


O presidente tamén fixo balance da situación actual da autonomía, asegurando que, malia incerteza global, “Galicia segue sendo esa illa de estabilidade da que tanto presumimos, cun bo ano económico, exportando, atraendo empresas e ofrecendo un clima de confianza e diálogo”. 

 

Fronte a outras realidades marcadas pola división, Rueda reivindicou unha Galicia que “non é amiga dos extremos nin da crispación, senón unha terra de xente traballadora, tranquila e centrada no que importa”. 


Na súa mensaxe, tamén quixo reivindicar unha Galicia aberta, integradora e orgullosa da súa historia migratoria, especialmente ante o repunte de discursos de rexeitamento e xenofobia. 

 

“Moitos galegos tiveron que emigrar en tempos difíciles, e foron ben acollidos porque traballaban e contribuían. Ese é o modelo que defendemos: unha Galicia de brazos abertos, con orde e respecto á lei, onde quen vén sumar é ben recibido”, afirmou. 


A poucos meses dun novo Xacobeo e cun turismo en cifras récord, Rueda concluíu asegurando que “esta é a Galicia máis aberta e máis optimista que nunca”, e trasladou aos galegos do exterior asistentes o orgullo da comunidade por contar con eles como embaixadores no mundo.

 

Análise económica


Esta nova edición do tradicional encontro reuniu este ano a 400 persoas para unha xornada festiva na que Juan Carlos Escotet, presidente da entidade bancaria, sinalou ante os asistentes que “hoxe, como cada verán, é o momento de gozar e celebrar a vida” e efectuou unha breve análise da situación socioeconómica a nivel internacional.


“Xuntos somos como unha roca fronte aos ventos de incerteza que sopran nestes momentos”, trasladou Escotet aos presentes, e amosou a súa “firme convicción” en que poderán superar os “retos” que se presentan grazas á “resiliencia” e o traballo unido.


O presidente de Abanca botou a vista atrás a hai apenas un ano, cando se celebrou a anterior romaría en Baiona e sostivo que “o mundo cambiou drasticamente” desde entón e que o fixo “a un ritmo vertixinoso”.


“Non se limita a un só país, senón que afecta o planeta enteiro”, precisou, antes de observar que “esta contorna tan rupturista ten consecuencias económicas” e fai que o investimento se retraiga e se desacelere a actividade.


Desde o punto de vista de Abanca, Escotet definiu o Plan Estratéxico da entidade aprobado para o período 2025-2027, con “o crecemento diversificado, a transformación e a proximidade ao cliente” como principais eixos ante un contexto de incerteza.


“Pertencemos a unha estirpe de persoas que, con valentía, traballo e confianza, logramos materializar ideas e proxectos superando grandes dificultades”, manifestou, antes de indicar que nesta nova etapa o banco apostará por avanzar na súa expansión internacional.


Así, indicou que este ano abriron unha nova oficina en São Paulo (Brasil) e que, tras o verán, finalizarán en Portugal a integración de EuroBic tras a recente adquisición desta entidade. 

Rueda salienta na novena Romaría de Abanca o papel da entidade como “socio estratéxico da Xunta”

Te puede interesar