Non hai ningunha dúbida de que Ferrol está repleta de grupos de música locais que contribúen a fomentar e engrandecer a vida cultural da cidade naval. Un exemplo é Omadroma, proxecto que comezou a finais da década pasada pero por falta de dispoñibilidade entre os integrantes non puido saír adiante. Fai uns poucos meses, decidiron xuntarse de novo para retomar o grupo con máis ganas que nunca.
Eles son Carlos Brión, á guitarra e voz, Martín Bentancur, á batería, e Pablo Sáenz, ao baixo. Este 31 de agosto, no marco de Ferrol en Festas, ofrecerán a súa primeira actuación ao vivo desta nova etapa participando no concerto impulsado polos Locais de Ensaio, na Praza de Armas ás 20.00 horas. Tras entrevistar ao baixista da agrupación, sabemos que afrontan este bolo como unha oportunidade para recuperar o ritmo de actividade.
A banda ten como obxectivo no horizonte a finalización dun disco cuxa maqueta provisional está dispoñible en Bandcamp, no perfil de Extrarradios –colectivo musical co que algúns membros do grupo están vinculados– que promove a celebración de concertos na comarca mediante a organización de eventos.
Non obstante, teñen pensado seguir traballando en perfilar os temas e as gravacións para poder sacar un álbum definitivo –tanto en plataformas dixitais como en formato físico– a través da colaboración con selos discográficos locais como Ferror Records. Pablo Sáenz ve esta maqueta como “un punto de ideas para confluír e poder desenvolver novos temas e novos álbumes”, despois do gran paréntése tras o cal volveron comezar de cero a súa actividade.
O seu repertorio está composto íntegramente por pezas propias nas que todos os integrantes contribúen coa súa pegada persoal, aínda que o vocalista e guitarrista é o principal compositor. “Carlos ten moita capacidade compositiva, ten moitísimos traballos feitos e moitísimas ideas”, explica Sáenz, que ademais describe ao seu compañeiro como “o líder do grupo”, indicando que foi o que ideou e impulsou o proxecto nun primeiro momento.
A pesar disto, nos ensaios non deixan de traballar sobre as bases que achega Carlos “de casa” e todos aportan ideas para os seus respectivos instrumentos. O baixista enfatiza a importancia deste traballo en conxunto afirmando como non é o mesmo compoñer cun único instrumento que combinalos, pois afirma que “da pé a que se poidan modificar un pouco as estruturas", definindo isto como “o bonito a nivel de tocar nun grupo”. Engade que, ao tratarse de “tres cabezas pensantes” en lugar dunha, o proxecto resulta “máis “traballoso” pero tamén se consigue un resultado “máis orixinal e xenuíno”.
Unha das complicacións principais dun proxecto grupal é que a conciliación coa vida diaria resulta máis complicada ao ter en conta as circunstancias de varias persoas, non obstante, o gusto pola música pesa máis e Pablo Sáenz considérao como “unha das cousas que máis me gusta facer no meu tempo libre”.
Dende a súa volta á actividade, Omadroma aínda non tivo tempo de estrenarse nos escenarios de novo, pero iso cambiará este 31 de agosto no seu “re-debut”. Pablo Sáenz rememora o primeiro “bolo” do grupo durante os seus inicios antes da disolución e o define como “un desastre”.
Tivo lugar na antiga sala Super 8, e unha serie de imprevistos implicaron retrasos e problemas técnicos, unha situación que forma parte das experiencias das artes en vivo e que todo aquel que se move neste tipo de actividades aprende a tomalo como unha anécdota. No segundo concerto –no centro social do Sar, en Santiago de Compostela– tiveron mellor sorte.
Nesta vindeira ocasión, aproveitaron os últimos meses para recuperar tanto o ritmo de traballo como os seus temas anteriores que, según explica Sáenz, teñen bastante ensaiados a pesar de que nun inicio a súa intención era rexeitar o concerto, ao considerar que era moi cedo para saltar aos escenarios de novo.
Finalmente, tras a cancelación dun dos grupos programados decidiron lanzarse á piscina, polo que poderemos disfrutar das súas composicións ao final deste mes. O músico considera esta oportunidade como “un mecanismo para espabilar o grupo”, xa que contar cunha meta nunha data concreta actúa de incentivo e potencia “máis traballo e acelerar un pouco o proceso de creación”.
Tras as Festas de Ferrol, Omadroma ten pensado seguir dando guerra continuando na elaboración do álbum e buscando “bolos” por Galicia adiante para volver por todo o alto cun enfoque máis profesional e moita motivación.
Unha das citas imprescindibles de Ferrol en Festas dende 2023 é o concerto impulsado polos locais de ensaio. Nesta ocasión intervirán Omadroma compartindo táboas con Ferrock, que a pesar da súa curta idade xa honran a xigantes emblemáticos do xénero, a proposta semiacústica de Drei e Far Away Place, banda de hard rock que leva en activo dende 2010.
Nerea P. Carballeira é a responsable desta iniciativa e a que se encarga de ofrecer a oportunidade a grupos vinculados de vivir a experiencia de tocar enriba do escenario que se monta na Praza de Armas cada agosto.