Os produtos lácteos da cooperativa Campo Capela son cada vez máis coñecidos no ámbito galego, característicos por unha elaboración artesanal a través de procesos respectuosos co medio ambiente e polo uso de materias primas con garantía de orixe.
Dende o día da inauguración ata hoxe, esta empresa coopera coa organización de Equiocio Ferrol para satisfacer o padal dos asistentes. A colaboración co certame consiste na presenza dun posto de venda, tanto de requeixo como de queixo, no que tamén se ofertan táboas elaboradas a partir das súas diversas variedades deste produto lácteo para que os presentes poidan ter un espazo onde comer ou picar algo.
Xa noutras edicións de Equiocio, a cooperativa tomou parte dun xeito similar, pero nesta ocasión quixo adoptar un carácter máis inclusivo con respecto ás intolerancias ao precintar e individualizar as porcións de pan, de maneira que as persoas celíacas poidan degustar sen riscos as táboas de queixo que se venden no posto.
Como novidade deste ano, Campo Capela imparte no Espazo Gadis obradoiros para nenos entre 3 e 16 anos nos que poden elaborar un queixo fresco. Esta actividade ten como principal obxectivo que os participantes coñezan “que o leite é unha materia prima que pode mutar de diferentes formas: para facer queixo, para facer requeixo, para facer mateiga...”, explica Andrea Piñeiro, encargada de impartir o obradoiro, que engade ás súas declaracións a importancia de “poñer en valor o territorio” e de que “os nenos da contorna nos coñezan, que aprendan que existe outro tipo de alimentación sustentable e natural para seguir a tradición e non perder o consumo de queixo fresco ou requeixo”.
Estas metas van da man dos valores propios de Campo Capela, que aposta por unha alimentación saudable nun contexto no que certos alimentos “substitúense cada vez máis por outros”. Con todo isto, Andrea Piñeiro pretende resaltar a importancia de transmitir ás crianzas a práctica dunha alimentación equibrada.
Os talleres, gratuítos con inscrición previa, tamén se desenvolverán hoxe, xornada de despedida do certame, en dúas quendas, de 11.30 a 12.00 horas e de 16.30 a 17.00.
Campo Capela leva anos colleitando éxitos que contribúen ao incremento da súa influencia e consolidación como marca de referencia en canto a produto sostible e autóctono. A súa participación nos últimos “World Cheese Awards” –que tiveron lugar en Portugal en novembro de 2024– non pasou desapercibida, xa que o seu queixo “O Mouro” fíxose coa prata e o queixo de tetilla con Denominación de Orixe Protexida acadou a medalla de bronce. Ambas variedades lácteas son xa veteranas nesta competición, pois dende hai varias edicións polo menos unha destas formou parte do podio, destacando o ouro de “O Mouro” en Noruega en 2023.
Estes e outros produtos estarán presentes no posto de venda, aberto durante toda a xornada de hoxe.