Entroido estival en Covas coa Festa das Carrozas de Santa Comba

O desfile —enmarcado dentro das Festas de Santa Comba, que este ano terán lugar entre o 29 e o 31 deste mes— comezará o último día ás 9.30 horas
Entroido estival en Covas coa Festa das Carrozas de Santa Comba
Unha das carrozas do ano pasado no desfile na parroquia ferrolá | Jorge Meis

Dende hai máis de medio século Covas énchese de disfraces, cores e diversión durante o último domingo de agosto para celebrar a súa tradicional Festa das Carrozas. O desfile —enmarcado dentro das Festas de Santa Comba, que este ano terán lugar entre o 29 e o 31 deste mes—  comezará o último día ás 9.30 horas. Ás 15.30, tras a sesión vermú a cargo de Jorge Latino na hora anterior, realizarase a entrega de premios.


O presidente da Asociación de Vecinos de Covas, Manuel Sendón, espera a participación dunhas 8 ou 10 carrozas, que se traduciría nunha cifra aproximada de 300 integrantes, seguindo así unha liña similar ás anteriores edicións.

 

Un entroido de verán


Esta especie de entroido estival recompensa a participación, pois a pesar de existir tres premios en metálico para as mellores carrozas, todos os participantes reciben unha cantidade plana a modo de axuda para financiar os custes que ocasiona a creación dos traxes e decoracións. Acerca disto, Sendón engade que a parte dos galardóns principais, sempre que é posible valórase tamén o resto de carrozas a través de mencións como a “máis numerosa” ou a “máis simpática” entre outras.


A elección dos premiados corre da man dun xurado, método que leva vixente catro anos. No pasado, esta decisión corría a cargo da comisión organizadora e houbo algún intento de que o público fose o encargado de cualificar as carrozas sen que chegase a funcionar, e coa intención de que o proceso fose máis imparcial, actualmente optan por seleccionar a personalidades como xornalistas, concelleiros ou artistas non vinculados coa xestión da festividade para que avalíen e puntúen as carrozas.


O presidente veciñal comenta a importancia da posta en escena no desfile á hora das valoracións ademais dos vestiarios e a composición do carruaxe e explica que o concurso non se basea unicamente “nunha carroza moi bonita” ou nun “traxe moi bonito”, senón que unha das principais claves para facerse cos premios é “empatizar e colaborar co público”. 


“Se a memoria non me falla, non creo que haxa ningún evento que teña tantos anos de antigüidade celebrándose”, afirma Sendón acerca da lonxevidade desta tradición tan apreciada pola poboación de Covas. Tanto é así que moitas carrozas repiten edición tras edición, de xeito que a festividade acumula fieis de diversas idades e xeracións “que todos os anos fan a súa carroza ininterrumpidamente” sen esquecer as novas incorporacións de veciños que tras asistir de público, deciden comezar a vivir esta tradición dende dentro “para que non morra a festa”. 

 

Aínda que unha gran maioría de participantes pertencen á propia parroquia, tamén hai xente de zonas da contorna, como Mandiá ou Esmelle, que non se quere perder esta cita estival, e incluso entidades como a Asociación Sociocultural de Minusválidos chegou a unirse a esta festa nalgunha ocasión.

 

Caída e rexurdimento


Manuel Sendón amosa nostalxia ante tempos anteriores, botando de menos a cantidade e a potencia das carrozas de “fai 15 ou 20 anos”. “A xente colaboraba e participaba máis, o vivían como algo propio da parroquia”, asegura, e atribúe esta baixada ao envellecemento desa poboación que contribuía á celebración de forma máis activa que as novas xeracións. A pesar disto, admite a existencia “dun grupo de xente nova que quere revitalizar”, así como dun repunte da participación nos últimos anos que aporta esperanza á preservación da festividade. 

 

Recorda como fai menos dunha década “parecía que isto ía acabar porque houbo algún ano con so catro ou cinco carrozas” pero, tras a pandemia, a tradición revitalizouse de forma que nas últimas edicións a media de participación é de nove carrozas. Dende a organización loitan para que a Festa das Carrozas “adquira unha maior dimensión”, e aínda que resulte difícil —xa que o gasto de diñeiro que implica unha carroza é elevado—  agradecen que “o evento non decaia”.

Entroido estival en Covas coa Festa das Carrozas de Santa Comba

Te puede interesar