O plan do goberno galego para modernizar as infraestruturas culturais contempla entre os seus obxectivos as subvencións dun total de 44 infraestruturas repartidas por toda Galicia, das que tres corresponden a centros localizados na comarca de Ferrol e dous no Ortegal. As entidades destinatarias publicáronse este xoves no DOG, especificando os traballos para os que se usará a axuda.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de resolver a convocatoria, que conta cun orzamento de 500.000 euros para actuar en bibliotecas, arquivos, e locais culturais municipais. Entre as catro provincias, a da Coruña é a que inclúe unha maior cantidade de proxectos: un total de 22, o dobre que obtén Lugo, que é a seguinte con máis centros subvencionados.
A través desta medida da Xunta, as entidades poderán sufragar os gastos de reformas, obras de ampliación ou traballos de mellora da accesibilidade. Así mesmo, tamén será posible destinar as axudas a adquirir equipamento como material escénico, iluminación, son ou audiovisual, entre outros exemplos.
O Concello de Ferrol é un dos dez primeiros da lista, que recibirá subvención para acondicionar acusticamente a planta baixa da biblioteca municipal. Na mesma comarca, tamén se mellorará o equipamento da de Fene, mentres que ao das Somozas entrégase a axuda para perfeccionar a acústica no centro cívico sociocultural da localidade. Ademais, na comarca de Ortegal, o Concello de Mañón e o de Ortigueira obterán financiamento para destinar ao equipamento da súas respectivas bibliotecas públicas.