Os casos activos de coronavirus baixan do millar e redúcese a hospitalización

Os casos activos de coronavirus baixan do millar e redúcese  a hospitalización
A vacinación segue aberta en FIMO e hoxe pola tarde tocaralle aos nenos | j. meis

As residencias de maiores e de atención á discapacidade da área sanitaria de Ferrol teñen 17 positivos en coronavirus, segundo o boletín semanal que o Sergas difunde os mércores. Son nove menos que a semana anterior. Tamén se ofrece o parte escolar, a pesar de que onte non era día lectivo, no que se constata que prosigue tamén neste ámbito unha caída continua desde comezos do trimestre. Pasouse de 184 casos a semana pasada a 121 nesta (17 en escolas infantís e 104 no resto de niveis educativos, sen ningunha aula pechada).

O descenso continuo nos casos activos nas tres comarcas reflíctese no feito simbólico de deixar atrás o milleiro de persoas que están a pasar a infección por SARS-CoV-2. Na estatística de onte eran 963 (68 menos que o día anterior).

O descenso repercute xa na hospitalización, que estivo nas últimas semanas en torno e por riba dos 40 pacientes e que onte volvía baixar e quedábase en 35, con 33 en planta e dous na Unidade de Coidados Intensivos do CHUF. Son tres hospitalizados menos que o día previo.

No eido municipal, a consecuencia é tamén un descenso da incidencia que achega tamén aos concellos de maior poboación aos niveis nos que deixa de haber un risco de transmisión moi alto. Ares, Ortigueira, Mugardos, Cabanas e Moeche xa están fóra dese rango e en Mañón levan máis dunha semana sen casos e, de seguir así, hoxe mesmo estarán tamén a cero na incidencia acumulada a 14 días.



Vacinación infantil


A vacinación contra o coronavirus continúa aberta en FIMO, durante as mañás, para as persoas que non puideron acudir cando foron citadas ou que non teñen aínda posta ningunha dose e queren facelo.

Pola tarde, hoxe e mañá, avanzarase na vacinación infantil, coa inxección da segunda dose, coa que se completa a pauta neste grupo de idade.

Os casos activos de coronavirus baixan do millar e redúcese a hospitalización

Te puede interesar