Hoxe ás 20.00 horas terá lugar unha andaina, impulsada pola Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, a Asociación Cultural Muíño do Vento e a Asociación Veciñal de Canido, co obxectivo de solicitar a rehabilitación do Reduto de Santiago, coñecido tamén como Baluarte de Canido.
Antonio Casal, o secretario da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, denuncia que “o estado de abandono no que se atopa o reduto” débese a unha “falta de mantemento” que se traduciu nunha invasión da vexetación.
Engade tamén que a entidade, xunto coa Interbarrial de Canido, xa notificou ao goberno municipal esta circunstancia, “pero non houbo unha actuación”, feito que levou á organización desta actividade como novo intento para denunciar esta situación.
Ademais, existe tamén unha intención conmemorativa do Día de Galicia, pois dende a asociación cada ano tratan de buscar “un elemento patrimonial que faga unha referencia a Santiago ou a Galicia”, como é precisamente este reduto a través da súa propia denominación.
A camiñata terá como punto de inicio a Praza Vella e contará cunha distancia aproximada de dous quilómetros, que culminarán no propio reduto tras atravesar a rúa Celso Emilio con algunhas paradas en lugares como o Baluarte de San Xoán ou o lugar no que se atopaba o Reduto da Malata. Ademais, virá complementada con explicacións históricas sobre a muralla terrestre do século XVIII, incluíndo información acerca da vila nesa época, as defensas do Arsenal ou a toponimia de Canido a modo de “contexto para que a xente saiba de que estamos a falar e do que estamos a reivindicar”.
O Reduto de Santiago é obra do enxeñeiro Dionisio Sánchez Aguilera, do que se conserva
soamente a parte do baluarte –de aí que se coñeza como baluarte de Canido– e foi construido entre os anos 1772 y 1774
Todas aquelas persoas interesadas en tormar parte na actividade desta xornada poderán participar de balde tras confirmar a asistencia no teléfono 676 689 203 ou o correo ferrolterraantiga@gmail.com.