O solpor na praia do Baleo pecha a novena edición do Jazz de Ría

O paseo sonoro por Neda seguirá dispoñible para escoita libre ata o día 31 a través dos códigos QR
O solpor na praia do Baleo pecha a novena edición do Jazz de Ría
O roteiro de Xurxo Souto foi todo un éxito de participación | Emilio Cortizas

O festival Jazz de Ría, unha das citas culturais máis sobranceiras do verán en Ferrolterra, despediu este martes –ou case– a súa novena edición cun novo solpor musical na praia do Baleo, a cargo, desta volta, da formación Copos de Avena.


O concerto nesa paraxe extraordinaria non foi a única proposta da xornada de clausura. Antes tivo lugar unha das actividades máis agardadas, o roteiro entre os areais de Pantín e O Baleo que guiou co seu entusiasmo o polifacético dinamizador cultural Xurxo Souto

 

Co nome de “Balcóns ao Atlántico”, o artista coruñés exerceu de cicerone por esta beira do océano, con parada obrigada no castro do Rodo, un xacemento arqueolóxico soterrado. O interese polo patrimonio combinouse co seu coñecemento exhaustivo das vellas orquestras de jazz que marcaron o ritmo do arco ártabro.

 

 

Xa no punto de chegada do roteiro, O Baleo, o cuarteto Copos de Avena ofreceu a súa particular proposta de fusión de boleros clásicos con bossa nova e composicións de autoras como Silvia Pérez Cruz, Natalia Lafourcade, Rita Payés ou Jorge Drexler. 

DSC4736 22012569
Numeroso público respaldou a iniciativa no Baleo | Emilio Cortizas

O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, os Concellos de Neda, Cedeira e Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña e AIE –Artistas en Ruta–.  O seu obxectivo é reunir nunha “única imaxe todos os valores que artellan a súa proposta: música jazz diversa e de calidade, aposta polo talento galego, fusión co territorio, respecto polo patrimonio histórico e natural, e implicación coa veciñanza”. 


Precisamente neste último punto incidiu a súa coordinadora, Aitana Cuétara, no balance desta novena edición. “Con este festival quixemos desde moi ao principio entrar na vida da xente local, dos veciños e veciñas que nos acollen nos seus concellos e vilas, e iso é algo que non é tan fácil de conseguir pero que si vemos que agora estamos nas súas axendas”, subliñou.

DSC4767 22045196
Andaina e música nun entorno privilexiado | Emilio Cortizas

A alma máter do evento fixo fincapé nunha novidade deste ano, o paseo sonoro en Neda, desde a rúa do Castro ata a ribeira de San Nicolás –que, por certo, seguirá dispoñible para a súa escoita gratuíta ata o día 31 a través dos códigos QR pegados nas xanelas do percorrido–. 

 

“A veciñanza implicouse moito, empezando porque nos abriron as súas casas para poder poñer os postos de escoita nas fiestras das casas e mesmo houbo algúns veciños que fixeron incluso intervencións propias, como o dono dunha antiga tenda-bar que convidou a todos os asistentes a entrar nela para desfrutar da súa colección de discos dos anos 50, 60 e 70. Para nós, cousas coma esta o son todo: o festival facémolo para toda esta xente e que esteamos conseguindo isto é unha marabilla. É co que me quedo este ano”, apuntou Aitana Cuétara, que xa pensa nunha nova edición, a décima, que se desenvolverá o vindeiro verán. 

O solpor na praia do Baleo pecha a novena edición do Jazz de Ría

Te puede interesar