Ben é sabido que, a diferenza de moitas outras disciplinas, a música carece dunha idade concreta para o seu gozo. Tanto é así, que dende ben pequenos as tradicións ou os contos son cantados, e a pesar de que poida parecer que soamente unha parte da cuarta arte se adapte ás crianzas, realmente non hai fronteiras tampouco ao falar do rei, Elvis Presley.
De feito, A Gramola Gominola –grupo que estará o domingo 10 de agosto as 16.30 horas no escenario do Gulliver Fest– naceu con esta mesma premisa, a de que “non é necesario mudar o rock and roll para adaptalo á infancia”.
Deste xeito, Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos) aseguran que crearon esta agrupación pensado “en que nos gustaría que as nenas e nenos escoitaran a mesma música que nós cando éramos pequenos”, engaden, “todas esas referencias do rock que papamos nos 90, pero adaptando as letras”.
A vitalidade, enerxía e forza que ten este estilo musical non se perde. Os catro avogan por manter “a esencia” como base dun proxecto no que o nexo común e a súa propia paixón por este ritmo concreto ao que, explican “cada un de nós, co seu imaxinario, crea letras”.
Aquí non hai só un escritor, se non que nos seus discos –dispoñibles en plataformas como Spotify– pódense atopar pezas en solitario, máis tamén outras que contan cunha autoría conxunta, que, como exemplifica Romero, “pode ser que eu me xunte con Paco ou Anxo, ou que Rodrigo saque unha súa”, que ao final fan sinerxia nunha “combinación que consegue mesturar todo o que nos vai apetecendo”, fomentando, desta forma, a propia creatividade dos músicos.
E despois dunha década traballando xuntos, poden asegurar que isto funciona basicamente “porque temos un humor, unha maneira de entender a música similar e é como elixir o teu equipo. Xa sabes que podes traballar con esa xente e que van aceptar as diferenzas”, sinala a agrupación.
Romero recorda que, no seu caso, o último traballo supuxo falar da súa avoa, “porque é algo que me nace e que tamén pode ser moi próximo para os nenos e as nenas”.
Pero este non é o seu único público porque nos concertos de A Gramola Gominola acaban bailando tamén os pais; de feito, eles sempre din que este é “un grupo dirixido para aqueles entre 0 e 99 anos. Temos todo un espectáculo”, aseguran.
De feito, as súas cancións están pensadas para que durante os concertos “a orella dun adulto sinta que é rock and roll puro e duro, do que levamos escoitando toda a vida”, mentres que os pequenos “poden conectar coas letras”.
Ás portas do Gulliver Fest, recoñecen que “temos moitas ganas de estar no festi” –estiveron programados hai uns anos pero tiveron que cancelar estar aló por culpa do mal tempo– para o que, avanzan, veñen preparados “para dálo todo, sen dúbida”.