Narón abre boca ao Entroido cun concurso de tapas doces e salgadas na hostalería

Narón abre boca ao Entroido cun concurso de tapas doces e salgadas na hostalería
Os locais poden participar con tapas doces ou salgadas I DANIEL ALEXANDRE

O Entroido é unha época abondosa na cociña, con pratos salgados e tamén sobremesas típicas. Esta riqueza culinaria aprovéitase en Narón para lanzar, un ano máis, un concurso de tapas que se desenvolverá entre os días 8 e 15 de febreiro entre os locais hostaleiros que queiran participar. É unha forma de apoiar o sector e dinamizar a cidade nos días grandes desta celebración con grande arraigo en Galicia.


Unha das novidades deste ano, apuntan desde o Concello, é o feito de que se van cobrar as tapas, a un prezo de dous euros, tal e como reclamaban os hostaleiros. 


Outórganse dous premios en metálico, un decidido por un xurado profesional e outro pola clientela, dotados con 500 euros e 300 euros, respectivamente. Ademais, haberá tres ceas, valoradas en cen euros cada unha, que se sortearán entre os consumidores, e que se levará a cabo nalgún dos establecementos participantes antes do 15 de marzo.


Os negocios interesados en participar deben inscribirse antes do día 2 (ás 12.00 horas) no correo electrónico me.mendez@naron.gal, indicando os datos persoais e do establecemento, o nome da tapa e os seus ingredientes (indicando alérxenos) e o horario do servizo. Pódese recabar máis información no 981 337 700 (extensión 1204).


A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, presentou o concurso, que acada a súa novena edición, e animou á hostalería local a sumarse a unha iniciativa “que todos os anos ten moi boa acollida” e coa que se quere pór en valor “a variedade e calidade da hostalería local”.

Narón abre boca ao Entroido cun concurso de tapas doces e salgadas na hostalería

Te puede interesar