Unha presentación

A sabendas de que non era dos días máis indicados para andar de aquí para aló, decidín achegarme a Ferrol á presentación de Pasaba por alí. E quedei un intre, o libro, aínda con arrecendo a taller de encadernación, que Xoán Rubia acaba de dar á luz da man da editorial Galaxia.

Levoume o seu tempo poñerme na autoestrada e, xa en Ferrol, outro tanto deixar o carro estacionado no subterráneo do Cantón. Saíra con tempo de abondo e cheguei case co xusto á sede de Afundación. O persoal anda medio tolo procurando non sei que, a verdade, esquecendo que a alegría e xa non digamos a felicidade non se compran, e abarrota canto espazo comercial -e colindantes- se lle pon a tiro. Abofé que esta noxenta pandemia nos está afectando moi negativamente a todos. E a todas. O que non sei é se tamén a todes. Hai ben anos que non gusto nada destas festas do despilfarro, aborrézoas.

Mais, o desprazamento pagou a pena. Sempre é grato saudar xente coñecida de vello, á que non ves con frecuencia, e máis aínda se eses reencontros se producen ao redor da presentación do libro dun amigo, onde, por riba, se contan historias que me tocou vivir moi de perto. E falo un tanto desde o terreo da suposición, posto que aínda non lin este percorrido pola vida musical do autor, que non é o mesmo que unhas memorias, como puntualizou Xavier Alcalá, prologuista da obra e compañeiro que foi de Rubia, nas aulas do Instituto “Concepción Arenal”, onde eu coñecín ambos. Iso si, de vista, porque eran tres anos máis vellos, o que, a esas idades, é un mundo. Aquelas funcións, casualmente de nadal, que se facían no salón de actos do centro, daban tamén para coñecer as variadas habilidades dos maiores. Alí oín cantar o Xoán Rubia, con quen coincidín, algúns anos despois , nunha aula da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade compostelana, cursando o primeiro ano daquela carreira, que el acabou por abandonar para seguir estudos sanitarios.

Vicente Araguas, grande amigo desde que nos coñecemo iniciando a primaria no Colexio das Discípulas de Jesús, cando aínda o centro estaba nun edificio que daba a Real e Gravina-, fora un dos iniciadores do movemento Nova Canción Galega e a nosa relación fixo que vivise moi de perto, non só as actuacións de membros do colectivo, senón moitas das interioridades da vida cotiá do grupo. De feito, daquela e en anos posteriores tiven moito trato con case todos os que, en maior ou menor medida, andaron por Voces Ceibes e a Nova Canción. Xoán Rubia un deles, naturalmente.

Falou Rubia como, da man da mai, se iniciara na música de neno, en Mugardos, con dona Acacia Valera, dato que eu descoñecía, a pesar de ter pasado cantidade de tardes de domingo. Tamén de como a mai sempre lle dicía que recordar era revivir e iso foi o que quixo facer escribindo este libro. E do xeito en que Bouza Brey lle pasara un poema inédito para musicar. Ou do “exame” que lle fixo Benedicto para ver de incorporalo a Voces Ceibes...

A presentación finalizou, como non podía ser doutra maneira, coa interpretación de cinco coñecidos temas, de diferentes etapas da súa carreira, acompañado pola guitarra de Daniel Adzemian, que hai anos adoita tocar con el. Magnífica velada.


Unha presentación

Te puede interesar