Racing

Rematei de escribir estas liñas non moitos minutos antes de me subir ao coche para me desprazar á Malata e poder desfrutar dun, sempre desputado, Racing-Deportivo. Teño falado nesta columna sobre o tema destes enfrontamentos e as emocións que me suscitan. Gustei do fútbol desde sempre -de feito non teño recordos en que non me vexa futboleiro- e, como ferrolán de nación que son, como non podía ser doutra maneira, foi o desaparecido estadio Manolo Rivera do Inferniño onde colleu corpo a miña afección e onde me fixen seguidor, e mesmo forofo, do Racing. Que ben e que mal o teño pasado sendo pequeno, cando aínda non tiña aprendido a encaixar ben as derrotas, porque o de festexar as vitorias o sigo facendo. Maiormente, como daquela, no meu interior, que tampouco hai que andar exteriorizando todo. De humanizada, a xa hai anos derrubada grada de maratón podería contarnos de tantos días de sol e de auga, de capuchas e gorros de papel de xornal, de calores e molladuras ata os osos, de campos embarrados e balóns inamovibles, de tantos xogadores, de tantos erros arbitrais, de lances de boa ou mala sorte e de tantísimas máis cousas que alí vivín e son sostén dese deporte-espectáculo que amamos e chamamos fútbol.

Por suposto que non lembro a primeira vez que vin un partido do Racing no Inferniño, pero polos xogadores que recordo ben ter visto xogar (Suco, Vallejo, Mourelo ou Vegazo) debeu ser na temporada 1959-1960. O equipo estaba en 2ª, como o Deportivo, co que esa puido ser a primeira ocasión en que puiden ter visto un partido, que, por certo, gañaron os coruñeses 2 a 5, entre ambos os conxuntos, perante uns 20.000 espectadores, segundo as crónicas, avaladas por fotografías. Mais seguro que non foi así, pois non teño lembranza de ter visto Amancio xogando coa camiseta do Deportivo. E ese día xogou no Manolo Rivera e marcou dous goles. A miña tendencia nese tempo a ter anxinas se mollaba os pés debeu ser o motivo de non ter podido ir ao campo ese día.

Logo ao Racing tocoulle vivir moita terceira e o Deportivo non andaba por esa categoría, co que, de non estar errado, o primeiro partido entre os clubes que vin foi no Concepción Arenal de 1967, onde se impuxo o Racing por 1 a 0.

Despois, entre estudar e vivir fóra de Ferrol e o feito de coincidiren pouco na mesma categoría, nunca me cadrou poder ver outro enfrontamento ata outro Concepción Arenal, o de 2017, cando venceu o Deportivo por 4 a 1. E non houbo máis, porque as restricións pola covid impedíronme asistir aos enfrontamentos da pasada temporada en 2ªB. E iso que tiña carnet dos dous equipos. Debo reiterar, porque xa o dixen neses momentos, que me valía calquera resultado, que non tiña preferencias.

Cando si tiven o corazón moi dividido, e por iso o pasei francamente mal, foi no choque na eliminatoria da Copa do Rei do 2002-2003, que acabara co triunfo do Deportivo na Malata por 3-4, con gol no tempo de desconto. Ese día negárame a velo e só fun conectando a radio moi de cando en cando.

Hoxe é outra cousa. Hai días preguntábame o Vicente Araguas, benquerido amigo de vello, que sabe ben da miña paixón deportivista, por cal dos equipos torcería. A resposta foi rápida: polo Racing. E é evidente que así é. Desexo e agardo que se impoña o Racing. Oxalá.


Racing

Te puede interesar