Ara do mar

ans amigas fixéronme chegar Ara do mar. Poesía a Fisterra, unha interesante recolla de versos -e algunha prosa- relacionados coa nosa finis terrae, se ben nalgún texto, en inglés ou francés, a fin da terra aludida podería ser outra, o que, no remate de contas, case ben sendo o mesmo. Debémoslle este magno traballo recompilatorio -iniciado, seino ben, hai un lote de anos- ao poeta fisterrán Alexandre Nerium, vello e benquerido amigo. O groso volume -452 páxinas- viu a luz a finais do pasado mes de xullo da man da madrileña editorial Eneida - fundada en 1999-, dentro da súa colección “Poesía para el tercer milenio”, onde xa apareceron unhas cantas antoloxías -dun único autor ou de varios- con poemas escritos en diferentes linguas (inglesa, francesa, portuguesa, catalana, castelá ou galega), acompañados da versión en español.

A recolla que nos ocupa é, sen dúbida, unha edición multilingüe, pois nas súas páxinas, ademais de orixinais galegos, podemos ler versos dedicados a Fisterra escritos orixinalmente en nove idiomas: portugués, catalán, euskera, español, inglés, francés, italiano, alemán e maltés. Ao tempo, é tamén unha antoloxía bilingüe, dado que todos os poemas -agás, naturalmente, os que utilizan o galego como idioma vehicular- podémolos ler no idioma orixinal e na versión en galego, traducións nas que participaron un bo número de tradutores, algúns deles, autores tamén de poemas galegos que recolle este interesante volume.

En boa lóxica, o galego é o idioma maioritario e nel están escritas ao redor das tres cuartas partes dos dous centenares de composicións que esta Ara do mar nos brinda. A porcentaxe aínda aumenta un bocadiño se contabilizamos xunto cos galegos -segundo o criterio do coordinador de ordenalos agrupados nun todo- os dez textos creados en portugués por autores e autoras de Portugal, o Brasil, Angola e Guiné-Bissau. Paréceme apropiado ese xeito de mesturar as escritoras e os escritores galegos cos de diferentes variantes de expresión portuguesa. Non é outra cousa que dar vida ao histórico tronco galego-portugués, que semella apropiado. Os textos en galego e portugués van xuntos do mesmo xeito que o fan os escritos en español -autores e autoras chilenas, cubanas, paraguaias, arxentinas, uruguaias, venezolanas e de diferentes territorios do Estado Español-, en catalán -do Principado e das Baleares-, en euskera -de Euskal Herria do norte e d sur-, en inglés -de Inglaterra, Irlanda do Norte, Escocia, Eire, Singapur, a India ou os Estados Unidos- e en francés -de Francia e do Vietnam. Cos catro textos en italiano, os catro tamén en alemán e o único en maltés, esta cuestión grupal, obviamente, non dá lugar a ningún tipo de acordo ou desacordo sobre as opcións de agrupamento.

O texto máis antigo, os Tales of Caunterbury, de Geoffrey Chaucer, procede da literatura inglesa medieval e o máis moderno é, como quen di, de antonte mesmo. Canto os autores, as datas dos seus nacementos van do s. XIV ata a década dos noventa do pasado s. XX.

Apontar, por último, que a obra vai precedida de tres limiares -do noso Méndez Ferrín, do brasileiro Lêdo Ivo e do bretón Alain Jégou- e un epílogo, do tamén noso Darío Xohán Cabana. Só resta dárlle os maiores parabéns a Alexandre Nerium e recomendarlles a lectura destas singulares pezas literarias.


Ara do mar

Te puede interesar