Queima inversa

O sindicalismo nacionalista galego convoca para este domingo novas mobilizacións, en cidades e vilas do País, contra da estafa da luz, en prezos astronómicos desorbitados totalmente inxustos, e por unha tarifa propia, máis barata, en compensación dos costos por ocupación de terras, desfeita da natureza e do medio de vida de moita xente do ámbito rural, soportada nun territorio que aparte deses beneficios caídos do ceo que benefician ao oligopolio das empresas subministradoras da enerxía neste caso debe sumar o gravame do transporte a outros pagos que aquí non se precisa.

O xesto visual e icónico do acto consiste en colectivamente prender fogo ás facturas emitidas polas compañías do sector nos últimos tempos, a xeito de metáfora de lume simbolizando o queime das eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan á clase traballadora á pobreza enerxética. Queima á inversa, facendo metáfora dese proceso que na enxeñería persigue darlle a volta ao produto, a modo de búmerang, unha práctica inaugurada polos científicos de pasadas guerras mundiais para someter a análise o armamento do inimigo, descubrir os seus segredos e facer un propio moito máis mellorado. Así e todo, aquí é máis acaído conxugar adxectivo e substantivo, de xeito que inversa é “oposición completamente” á queima, dos gobernos que permiten o abuso ás empresas para fixar prezos intolerábeis, “acción que conduce á ruína ou a unha situación penosa para as persoas sobre as que se exerce”.

Queima, escaldados polo oligopolio eléctrico, que mesmo está desafiando o poder democrático. Un perigoso volcán devorador creado pola insubmisión das grandes corporacións de negocios fronte ao dereito fundamental do acceso á electricidade para beneficio do conxunto da cidadanía en condición asumíbeis. Complicidade de certo poder político, beneficiario do lucro individual das portas xiratorias, tolerando que durante décadas as compañías eléctricas colocaran postes e torres alá onde quixeron sen nin sequera avisar ao propietario, sen pagar un euro por utilizar terras que non eran súas, ocuparon ríos, facendo e desfacendo segundo o seu interese particular, nunca do país, baleiraron encoros e cortaron a subministración cando lles veu en gana e remataron por engulir ás pequenas empresas locais para evitar calquera tipo de competencia, creando así un monstro que semella estar fóra de control. De non actuar rápida e contundentemente avecíñase un inverno enerxético con efecto demoledor para empresas e familias. É tempo de políticas públicas de intervención no sector. De controlar un servizo básico.

Queima inversa

Te puede interesar