Viaxes papais

vVejo”, “torpe”, “chocho”, “borde”, “bocachancla” ou “vomitivo” son unha pequena mostra da infinidade de termos que, un nutrido grupo de persoas, todas elas moi patriotas e moi católicas, lle dirixiron ao Papa a raíz da entrevista que lle realizou Herrera na COPE. Desde hai un lote de anos estou convencido de que moitos dos problemas de convivencia que cos que nos atopamos radican, simplemente, na enorme cantidade de xente que non sabe escoitar. Antes de que alguén acabe de falar é moi frecuente que haxa quen xa lle empece a rebater o que está dicindo. Non hai máis que sentar nunha mesa dun café calquera e prestar un pouco de atención ao xeito de manifestarse os contertulios das mesas adxacentes. Non hai máis que berros, porque a maior parte das persoas non escoitan. Grave problema no que hai que pensar para que as novas xeracións consigan superalo. Sería importante.

E neste caso das manifestacións papais creo que houbo xente que ou non escoitou, ou, caso de facelo, non lle dedicou nin medio segundo a pensar no escoitado antes de botar a lingua a pacer. Que querían dicir aquelas palabras?

Doutro xeito non podo explicarme como se pode dar a entender que o Papa é un mentirán por ter manifestado que, en Europa, tiña determinado visitar só países “chicos”, que, penso, habería que entender os que non son potencias europeas, á marxe do tamaño físico, que sería o caso de Suecia, Polonia, Bulgaria, Rumanía ou Grecia. Nese contexto europeo, non teñen cabida, pois, eses países tan “chicos” como Brasil, EEUU ou México, que cita algún disconforme con burda, que non sutil, ironía.

Ao meu parecer, polo expresado, non pode tirarse a conclusión de que Francisco non queira visitar España. Nin tampouco que queira facelo. Non está a falar diso. Está a poñer de manifesto que no suposto de viaxar a Compostela non se pode falar de que visitou España, como tampouco, segundo aclarou, visitou Francia cando viaxou a Estrasburgo. Non hai que buscarlle catro pés ao gato, porque tampouco se referiu a Galicia para nada, só a Santiago. Tampouco creo que en ningún momento o Papa negase que Santiago fose España. Nin o contrario. En fin, que observei que entre o persoal católico e patriota hai moito susceptible. Non me pareceu ver nas palabras papais ningunha caste de falta de respecto a España.

Pola contra, si me pareceu algo máis grave que unha falta de respecto o ton empregado polo deputado de Vox Hermann Tertsch: “Que quede claro, Bergoglio, que se puede ir al mismísimo carajo o a destinos aun peores, pero si fuera a Santiago, que Dios no lo quiera, sí va a España, que quede claro”. En fin. Con exemplos como estes non me extraña que España estea caendo en picado o número de xente que se declara católica.

Feijóo, pensa que sería magnífico que o Papa puidese desprazarse a Santiago, á marxe da suposta polémica xerada polas declaracións.

O mesmo que o presidente, ou algo moi similar, pensaban os moradores de Melo, a capital do departamento de Cerro Largo, unha das localidades visitadas por Xoán Paulo II na súa viaxe ao Uruguay en 1988. Ía ser unha visita moi produtiva para a maltreita economía da zona e resultou todo o contrario, tal como reflicte o magnífico e multipremiado filme uruguaio El baño del Papa (2007). Pódena atopar na rede co título O banheiro do Papa, copia en español lexendada en portugués.


Viaxes papais

Te puede interesar