Apoboación mundial vai a máis. Segundo os datos aportados pola ONU (Nacións Unidas) somos máis de sete mil setecentos millóns de persoas no mundo, das que o 49,5% son mulleres. As previsións din que para o ano 2050 o mundo dará acubillo a dous mil millóns máis e, en 2100 poderán ser once mil millóns de persoas as que vivan e malvivan no planeta. En 1950 eran dous mil seiscentos millóns.
Os países con maior número de habitantes na actualidade son China, con máis de mil catrocentos millóns, e India, que se aproxima a esta enorme cantidade. Estados Unidos ten máis de trescentos millóns e Indonesia, Pakistán, Brasil e Nixeria superan os douscentos millóns de habitantes e con algúns menos, pero máis de cen millóns, están Bangladés, Rusia, México, Xapón, Etiopía, Filipinas e Exipto. Os máis poboados de Europa son, pola seguinte orde: Rusia, Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, España e Ucrania.
E, que comerá tanta xente? Moitos deles, nada. Non teñen nada para comer e non poden beber auga, non teñen auga potable. No mundo, cerca de mil cincocentos millóns de cidadáns son pobres e, segundo algunhas ONGs, os países desenvolvidos prestan pouca atención a este dato, cun desinterese que axuda e fomenta a desigualdade, permitindo o desaproveitamento de millóns de toneladas de alimentos. Cos víveres que se malgastan poderíanse alimentar millóns de persoas que teñen fame.
Moitos outros factores atrancan o desenvolvemento e axudan a xerar pobreza, entre eles aquelas grandes corporacións que se aproveitan da man de obra barata e necesitada, impedindo que o seu país despegue. Pero hai máis, a seca que impide a produción de alimentos, a deforestación que axuda á erosión e dificulta as colleitas; as enfermidades e epidemias, que aparecen aparentemente de repente e non se van nunca; a corrupción que se estende polos países ricos e, aínda máis, polos pobres; a enorme desigualdade no reparto dos recursos, quedando moitos sen nada e outros con todo ou case todo.
Tampouco hai que esquecer a maldade das guerras e os conflitos bélicos, que desfán o mundo, matan á poboación, encérrana en campos de concentración ou obrígana a fuxir. E, para eliminar ou reducir a pobreza, como di a Tía Manuela, “é necesario evitar tódalas desigualdades e discriminacións”, permitindo que tódalas muller e tódolos homes do mundo teñan as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos.