Comeza en Pontedeume o Feirón Medieval dos Andrade, centrado no público infantil

|

Logo da imposibilidade de celebrar a cita do pasado ano por mor da pandemia, o Concello de Pontedeume aposta por recuperar pouco a pouco unha das propostas máis concorridas de todo o verán na vila.

Así, e coa finalidade de evitar as grandes aglomeracións de xente, apostouse por focalizar a edición deste ano no público infantil, ao que irán especialmente dirixidas as actividades programadas. Haberá atraccións, títeres e tiro con arco, ademais dalgúns postos con produtos de interese sobre todo para os máis pequenos da casa. Desenvolveranse en dous emprazamentos concretos: a Praza do Conde e a Alameda de Raxoi, que contarán cun control de acceso, aforo e horario limitado e circuítos de entrada e saída, segundo se informou desde o goberno local.


O programa inclúe atraccións, títeres, tiro con arco, postos de venda e un concurso de debuxo 



Debido á celebración do evento, durante os tres días permanecerá cortada ao tráfico a avenida de Rajoy. O desvío para os vehículos será pola corredoira das Virtudes, continuando pola rúa Tahona e rúa do Picho, ata desembocar na praza do Conde.

O programa inclúe tamén un concurso de debuxo relacionado co feirón medieval. Os rapaces e rapazas que desexen participar terán que entregar as súas ilustracións antes das 14.00 horas do domingo na Oficina de Turismo (Torreón dos Andrade), indicando o nome e un número de teléfono de contacto. Este mesmo día, ás 16.30 horas, darase a coñecer o gañador ou gañadora do premio, que consistirá nun cheque agasallo de 30 euros para canxear no propio feirón medieval. O horario deste será de 17 a 22 horas esta tarde; e de 11 a 15 e de 17 a 22 mañá e o domingo.

Comeza en Pontedeume o Feirón Medieval dos Andrade, centrado no público infantil