Os meses van pasando, e a atención do Governo central e da Xunta de Galiza está centrada na recuperación da hostalería, do turismo (Xacobeo), deixando nun moi segundo plano as alternativas a sectores e empregos afectados pola “transición a unha enerxía verde”. Outro tanto pasa coa ringleira de EREs en actividades como a banca e outros servizos, usando como escusa a pandemia, e a falta de carga de traballo e peches nun sector estratéxico como o naval. Polo que se manteñen tan fortes as protestas nunha bisbarra unha e outra vez mallada polo desmantelamento industrial e as promesas incumpridas, como é a de Ferrol-Eume.
Daquela teñen toda a lóxica as mobilizacións e a procura da complicidade da sociedade. Son o único medio efectivo! xa que os/as dirixentes dos partidos sistémicos esquécense rapidamente das declaracións e compromisos para tomar medidas que teñan en consideración ás persoas afectadas polos peches, as reducións de emprego, e non esquecer aquelas que serán afectadas indirectamente. Neste contexto hai que valorar moi positivamente, por acertada e necesaria, a masiva manifestación do pasado xoves en As Pontes. Na que as centrais sindicais denunciaban: “que os traballadores e traballadoras son as vítimas do enfrontamento entre o governo español e o galego, e da pasividade de Endesa, que se escusa na tramitación pola vía ordinaria do expediente de peche da central para deixar abandonado o persoal”.
Chama a atención que este enfrontamento institucional partidario, despois de tanto tempo, por ningunha das partes se traduza en medidas concretas. Non se estará a usar este choque como unha escusa para deixar podrecer a situación, para non facer ren? Non sería a primeira vez que isto sucede. Daquela a importancia de manter a protesta social, a mobilización. É a única garantía para forzar solucións xustas cando se confronta con intereses tan poderosos e tendencias adversas.
A acción que coa consigna de “emprego digno e industria con futuro” realizou onte a CIG en Compostela, co obxectivo de arrodear o edificio da Xunta, entre outros temas tamén era motivo da convocatoria a situación de Ferrol-Eume: “en pleno proceso de descarbonización seguen sen existir políticas públicas para unha transición social e territorial xusta que fagan fronte á ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas, que seguen campando ás súas anchas, sen asumir os custes sociais, laborais e medio ambientais que están a causar mentres encabezan un novo boom especulativo ligado ás enerxías renovábeis”.