Paradoxos

Con frecuencia escoitamos falar das bondades da UE e moi raras veces das maldades, que é evidente que as hai, e máis das que puidese parecer. Desde logo, eu nunca mostrei moitas simpatías por esta Europa, fundamentalmente, de mercaderes. Non debemos perder de vista que, antes que UE, se denominou Mercado Común Europeo e Comunidade Económica Europea, nomes que, sen dúbida, explican mellor de que vai a cousa que o enganoso Unión. Mais non é disto do que quero falarlles hoxe.

Penso que entre as cousas positivas, esas que non teñen que ver cos mercadeos está a Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Regionais –eses idiomas minorizados que utilizan regularmente por volta de 40 millóns de cidadáns da Unión, entre eles nós– e a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, no que se refere á prohibición da discriminación por razón de lingua e asegurando o respecto á diversidade lingüística. A Comisión Europea impulsa a diversidade lingüística e fai o posible por preservala, sen se meter, iso si, no réxime xurídico e no apoio que reciban eses idiomas, que corresponde aos gobernos dos estados.

Pensei nisto despois de ter noticia da situación idiomática que, se non hai quen o remedie, imos atopar nos nosos documentos de identidade cando nos toque renovalos. Non sei se vostedes saben con precisión cal é a fasquía que presentan os seus, os que adoitan portar nas súas carteiras. Abofé que eu non tiña moita idea de como está o meu -renovado hai un par de anos- porque nunca o miro. Fíxeno agora para confrontar co que se nos aveciña. Actualmente atopamos en bilingüe os epígrafes apellidos / apelidos, nombre / nome, nacionalidad / nacionalidade, fecha de nacimiento / data de nacemento, domicilio / domicilio, lugar de nacimiento / lugar de nacemento, hijo/a de / fillo/a de, Só aparecen exclusivamente en español: España e Documento Nacional de Identidad. O de España, que en galego é igual, vén a conto porque tamén aparece así, só, nos documentos cataláns

Trátase como se ve de pequenos detalles -case poderiamos cualificalos de nimiedades- mais que se van perder nos novos documentos identificativos, que nos queren vender como se fosen a panacea universal. Só lles vai faltar arrouparnos polas noites.

Dise que se cambia para cumprir co regulamento da UE que estableceu as características que deben ter os documentos de identidade dos Estados que a conforman. Unha destas é a de ser bilingüe, por ter que usar o oficial de cada Estado e outro dos oficiais da Unión. Podería acontecer que Letonia escollese o estonio para acompañar o letón. España non o escolleu, foi, faltaría máis, ao inglés, que a día de hoxe só é cooficial en Malta e Irlanda. Curioso, non? O que me pregunto é se esa Unión que, como vimos, di protexer e non discriminar idiomaticamente foi quen decidiu eliminar a presenza do galego, do euskera ou do catalán presentes nos actuais documentos. Ou sería o propio goberno? Porque todo este proceso se levou caladiñamente. ¿Cómo es el nuevo DNI 4.0 que prepara el Gobierno? Lembro ter lido ou escoitado algo sobre un DNI 4.0 ou algo así contra o final do ano pasado, mais non recordo ter sabido máis ata o de agora.


Paradoxos

Te puede interesar