Os casos activos deixan de subir na área sanitaria pero chégase aos once ingresados

As terrazas poden abrir ao 75% ou ao 50% de capacidade, segundo o concello | d.a.
|

As pequenas pero constantes subidas nos casos activos de coronavirus que se rexistraban en Ferrolterra nos últimos días deron unha tregua e, nos datos de onte, baixábase a 107 persoas con SARS-CoV-2 (dúas menos). A evolución nos vindeiros días determinará se a tendencia á alza da pasada semana se mantén e o de onte foi unha excepción ou se se regresa á senda descendente que puxera á área de Ferrol como a de menos positivos de toda Galicia e a única que conseguiu deixar a UCI con cero pacientes con covid durante días.


Pese a esta aparente estabilidade, subiu o número de persoas que necesitan estar ingresadas e que teñen o virus activo. Son once, unha máis que o día anterior, cun paciente na Unidade de Coidados Intensivos.


En canto aos novos casos detectados, diagnosticáronse tres por PCR, o que supón tamén un descenso respecto da situación dos días previos. Non se notifican falecementos, que se manteñen en 216 desde hai 13 días.


Mesmas restriccións

A situación por municipios é revisada polo comité clínico os martes e venres. Ata o de agora, Ortigueira e As Pontes estaban nun nivel medio, que implica redución de aforos na hostalería (50% en terraza e permítese 30% no interior). Na reunión de onte mantívose a estes dous concellos na mesma franxa, polo que deberán continuar na mesma situación como mínimo ata a semana que vén, a expensas do que se decida de novo na reunión deste venres.


En centros educativos contabilízase un caso máis que ao peche da semana pasada, con 14 positivos e ningunha aula pechada. Ares, Ferrol, Mugardos e Narón son os catro municipios que teñen afectados nos seus colexios, que poden ser alumnos ou persoal. 

Os casos activos deixan de subir na área sanitaria pero chégase aos once ingresados