COAS LETRAS GALEGAS ENTRE XOVE E PERLÍO

Cando Julia Dopico, profesora e colaboradora habitual neste xornal, invitoume a participar nun acto organizado polo Instituto de Xove naquela acolledora localidade lucense para cantarlle letras galegas a un numeroso grupo de estudantes, pensei na aventura que aquilo supuña para min e aceptei encantado pero coa dúbida de ver coma sería a resposta dun auditorio de xente moi nova con todo o que iso leva detrás. A miña sorpresa foi grande ao comprobar o exquisito comportamento duns mozos e mozas que tomaron esa participación miña coma unha actividade lectiva máis. Namentres funlles expoñendo tema tras tema, non se escoitaba nin o voar dunha mosca  e en aparencia amosaban certo interese polo que estaban escoitando. Diante dese exquisito comportamento non puiden deixar de pensar que o labor do profesorado tiña moito que ver niso e que, maila o que pensen algúns, non está todo perdido  grazas ao importante traballo duns profesionais do ensino amolados hoxe por unha  Administración carente de sensibilidade e empeñada en recortar e recortar. Foi para min unha experiencia enriquecedora incrementada se cabe pola visita que fixemos despois á escarpada costa  de Loiba na compaña de Julia e José Luís; unha paisaxe alucinante que representa a parte máis abrupta e ao tempo máis fermosa da nosa terra. Sopraba un nordés forte e pertinaz que tinguía de espuma branca a superficie do mar e alí, nun solitario banco pendurado fronte ao abismo, estivemos contemplando aquela marabilla da natureza.
E o pasado venres repetín a experiencia en Perlío, acto organizado polo Círculo Recreativo, esta vez para un público heteroxéneo. E o achegarme ao Círculo provocoume un feixe grande de lembranzas de cando eu estába dando os primeiros pasos nisto da canción galega. Ao pisar o local e subir ao  seu amplo escenario, sentín coma se o tempo non transcorrera e veu a miña mente aquela primeira vez nos albores da década dos setenta cando fun participar nun daqueles Certames da Cultura Galega que organizaba a entidade cando o Círculo de Perlío era unha referencia cultural na comarca. Programaba conferencias, representacións teatrais para adultos e nenos, recitais, etc. Estar alí o pasado venres foi como revivir e volver a sentir a necesidade de reivindicar no cultural e no social todo o que queda por reclamar, que non é pouco. Tiven oportunidade de falar con algúns dos que participaban entón na organización daquelas xornadas e comentábanme que ao final non tiveron continuidade periódica porque a brutal reconversión naval provocou un decaemento dos ánimos e desviou a atención cara a outros asuntos que tiñan máis que ver coa supervivencia que con outras cousas. Aínda teñen arelas de recuperar un tempo perdido, pero daquela reconversión naval pasouse hoxe a unha vixente e salvaxe reconversión laboral e malia o paso do tempo, seguemos mais ou menos nas mesmas e xa que logo a xente nova ten arestora coma primordial obxectivo conseguir traballo, cousa complicada a pesaresdo aprobado raso que nos da S&P e a baixada dunha prima de risco que mitiga o risco aos que non tiñan risco. En fin: que con todas estas historias, en puridade cantar dende Rosalía a Díaz Castro pasando por Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro supuxo un certo acougo dentro de tanta tribulación.

 

 

COAS LETRAS GALEGAS ENTRE XOVE E PERLÍO

Te puede interesar