Chorimas

a mañá de antonte tiven que viaxar a Santiago. Ao regreso, ao mediodía, a ausencia de precipitacións e unhas gratificantes raiolas de sol permitíronme dirixir a mirada, ademais de ao asfalto, aos seus arredores. Foi así que reparei en que neles, non só medran os horrendos eucaliptos, malia seren a especie predominante. Nesas terras colindantes co xa esvaído negro da autoestrada atopamos algunhas especies arbóreas caducifolias que, se apenas as percibimos cando desaparece a follaxe, nos ofrecen unha fermosísima paisaxe chea desas tonalidades verdes que lles doa a primavera (ameneiros, bidueiros, freixos, salgueiros, quen sabe?) que contrasta co monocromático, e feo, deserto verde dos eucaliptais. E entre tanto verde novo, o vivaz amarelo da chorima dos toxos arnais mostrábase en todo o seu esplendedor. Sempre gustei dos toxos en flor. Cando vivía en Cee adoitaba parar o auto ao carón dalgunha toxeira a apañar media ducia de pólas ben floreadas para poñer na casa na auga dun pequeno xarrón azul cobalto que aínda teño. A imaxe do admirado Manolo Rivas –ao meu entender, poeta excepcional por riba de todo–, recitando coa súa poliña de florecido toxo na man, é posible que, xunto con outros motivos, latexase detrás dese meu achegamento ao espiñento arbusto. Porque lembro de sempre sentir atracción polas flores do toxo, case tanta como a que levou a Noriega Varela a comezar un seu poema con estes versos: “Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos! / Eu venero as floriñas dos toxos”. E se a amarela beleza da flor me cautiva, que dicir da da propia palabra coa que a denomino: chorima. Este tan fermoso termo –que non todos os galegos posúen, porque non se utiliza de seu en todo o territorio galego– non é máis que unha evolución do latín florima, derivado de flos, florem. Sabido é que as palabras latinas iniciadas co grupo FL- ou conservaron o grupo culto, como en “flor”; ou transformárono fr-, como en “fraco”; ou foron máis aló palatalizándoo en ch-, como en “chorima”. Reitero o meu namoro pola chorimas, xa vocábulo, xa flor e remato con palabras do benquerido amigo Manuel María postas en boca da espiña protagonista da súa peza Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo: “Gardo e protexo, pola primavera, as miñas flores marelas. As miñas flores, para que saibas, son o sorriso da primavera”. Así o vexo tamén eu.

Chorimas

Te puede interesar