Benvenuti al sud

O título do noso artigo de hoxe é a versión italiana da comedia cinematográfica francesa “Bienvenue chez les Ch’tis”. Ou, tal e como as puidemos ver nos cinemas españois: “Bienvenidos al sur” e “Bienvenidos al norte”. A estratexia de ambas baséase en xogar cos tópicos que os habitantes do sur ou os do norte asumen con respecto aos seus opostos en latitude. Tópicos ou clixés que, finalmente, desmoronan e nos fan saír da sala con, polo menos, un amplo sorriso, alén de ter disfrutado de case dúas horas dun divertido exercicio de equívocos.
A campaña de verán que, desde hai algúns anos, se empeña en facer o Ministerio do Interior con respecto á seguranza nas nosas casas, fainos reflexionar, nun certo sentido, neste asunto dos tópicos. Os consellos dados, caso de írmonos de vacacións, son tan alarmistas que case nos incitan a crer que pobre daquel que faga caso omiso, pois asumirá un alto risco de poder ser obxecto de roubo no seu lar. Que escuros intereses perseguirán ditas advertencias para que llelo poñamos tan fácil ás empresas privadas de seguranza e facérmonos cos seus servizos? Poña vostede unha alarma! Contrate un vixilante! Que hai das distintas forzas e corpos de seguranza do Estado? Tratarase dun síntoma máis do desbaratamento do Estado de dereito ao que estamos a asistir?
En fin, Castellabate é a poboación en que transcorre toda a acción deste filme italiano. Unha vila da Campania na provincia de Salerno. Vilas balizadas de firme historia medieval e rodeadas por restos arqueolóxicos da Magna Grecia e Roma dunha incríbel beleza; empoleiradas no máis alto dun outeiro e cun vasto dominio visual terrestre e marítimo; ou, como as veciñas da Costiera Amalfitana, debruzadas vertixinosamente sobre o Tirreno desafiando inaccesíbeis cantís. Litoral sur italiano que visitamos no mes de xullo e nos evocaron filmes de variado xorne: “Te querré siempre”, de R. Rossellini, “A good woman”, de M. Baker, ou “Bajo el sol de la Toscana”, de A. Wells, con Positano, Amalfi ou Maiori como escenarios dos seus fotogramas en maior ou menor medida.
O aspecto defensivo e estratéxico, e o desafío ás forzas da natureza son valores que, xunto á maxia que atesouran, sobrecollen o viaxeiro. A montaña en que asentan téñena perforada, converténdose moitas das rúas nun verdadeiro dédalo de pasadizos en que a orientación se xulga complicada. Amalfi, ademais, posúe unha magnífica catedral de estilo árabe-normando, cunha enorme escalinata de acceso, un claustro con delicadas galerías de estilo árabe e unha fermosa cripta cos restos de Sto. André. Non é por acaso que esta pequena cidade se proclamase no séc.XI a primeira república marítima italiana.
Esta costa, tan sedutora para os ricos durante boa parte do século pasado, é hoxe sucada por cruceiros turísticos desde distintos puntos que traen diariamente centos de visitantes. A exclusividade de antes, pois, vese agora interrompida, aínda que o atractivo, polo fascinante da paisaxe, así como pola monumentalidade e o seu pintoresquismo continúan vixentes pese a todo. Os sesenta quilómetros de infernais curvas que trazan a estrada desde Sorrento a Vietri Sul Mare son un desafío para o máis avezado condutor, curvas ás que debemos engadir o adiantamento de automóbiles e motos que, daquela, nos pareceu tan temerario.
Vilas que pouco máis ao sur, en Paestum p.e., convidan á serenidade, punto de referencia espléndido para o descanso balnear a pé de praia e para admirar os seus restos arqueolóxicos gregos, os tres impoñentes templos sobre todo, e sen aglomeracións. Ou a cidade de Pompeia, a menos de 80 km, que nunca nos deixarán indiferentes, retidas no momento da erupción volcánica, cos corpos humanos petrificados polas cinzas, os distintos episodios da vida doméstica e urbana, os frescos das paredes das casas, etc. E a explosión vital de Nápoles, sucia e ruidosa, con aparencia de caos na condución, pero dona dun magnificente feitizo. Moito coidado coas pertenzas de valor, coidado con como circulan, dicíannos. Certo. Pero tan certo como que non se poida pór remedio cun par de consellos: respecta as súas propias regras de condución e non te metas por barrios inseguros.
Nápoles é a única cidade africana rodeada de Europa. Algunha razón ha de levar quen o dixo. Mais non é menos certo que nese aparente caos, a vida existe e os vehículos circulan sen alarmas, xa viren onde non deban xa os pasos de cebra sexan orientativos. É raro o coche sen aboladuras, pero sen se escoitaren claxons nin enfados.
Neste mediodía italiano, conducir semella o estilo portugués de estradas deficientes con beiravías converténdose nun carril máis ou que na liña continúa en recta se poida adiantar. Benvindos ao sur, si, pero a amabilidade e o desexo de ser útil das persoas son unha constante, e os tópicos, talvez polo desleixo do propio Estado, teñen propiciado modos de vida que nos seguen a soprender. Por certo, o caso é que hoxe aquí toca blindarmos de alarmas as nosas casas, que mañá xa se verá.

 

Benvenuti al sud

Te puede interesar