Presentan unha candidatura totalmente renovada... que consideran que lles pode aportar?
Cremos que pode aportar presente e futuro. É renovada pero tamén partimos da experiencia. Pecha a candidatura a actual portavoz municipal que ven de facer un traballo importantísimo en igualdade e servizos sociais e tamén Fandiño que agora decidiu adicarse ao seu que é o xornalimo e todo o traballo que leva feito ate o momento e agora tamén coa candidatura é importante. Partimos desa experiencia previa e das ganas e a ilusión que implica xente nova. Temos un programa moi completo e traballamos con máis de cen persoas que aportaron cousas e nós o que queremos é iso, falar e construír.
Nos últimos dous mandatos o BNG optou por formar parte do goberno... No caso de non sacar maioría volverían ser partidarios dunha coalición?
Eu sei que en xornalismo esa pregunta ténse que facer pero nós debémonos á veciñanza. É o único pacto ao que nos debemos e non nos podemos adiantar ao que vai pasar o próximo domingo. Nós aspiramos e vemos que hai moita simpatía cara ao BNG e imos sacar os mellores resultados posibles e estemos onde estemos imos facer o mellor traballo para Narón e Narón vai mellorar grazas ao BNG.
Pensa que isto lles favorecerá para estes comicios?
Para Narón foi moi positivo que o BNG estivera no goberno. Deixamos de falar de obras faraónicas como o Pazo da Cultura que custou 16 milllóns de euros e levou a unha débeda estrepitosa, a ter unha débeda bancaria a cero, a non haber desfiuzamentos bancarios, a conseguir moitas cousas e facer uns orzamentos sociais. Agora fálase de eficiencia enerxética, de camiños escolares seguros. Iso non pasaba antes de que o BNG estivera no goberno. Narón é mellor, o BNG con forza e maoría fai que todas as persoas melloren. Nós queremos ser concello BNG como é San Sadurniño, Moeche, Pontevedra ou Allariz porque onde triunfa, onde ten maioría o BNG, quen gaña é a xente e transfórmase a realidade. Somos modelo BNG, temos a experiencia previa e queremos gañar o futuro para Narón porque o merecemos.
Fala de que desapareceron as obras faraónicas, débeda cero… Que máis aportou o BNG ás áreas que ten encomendadas?
Hai unha concellería de Igualdade que arrincou hai oito anos cando ninguén falaba de feminismo; o BNG como organización feminista sabe que esa era unha área transversal na que había que traballar. Nós agora imos máis aló, pedimos que nas contratacións haxa cláusulas sociais onde se inclúa a empresas que traballan a prol da igualdade, queremos facer unha romaría feminista… Por outra parte, democratizáronse as axudas ás entidades sociais. O dos desafiuzamentos é moi importante porque en Ferrol os houbo, e non é porque o goberno de Ferrol quixera que os houbera, senón porque aquí chegáronse a acordos coa Deputación e cos bancos e cada vez que había un problema, detectábase e había unha cláusula.
Que quedou pendente?
Quedou pendente gañar o espazo público. Narón é unha cidade sen cohesionar, nós queremos cohesionar o urbano e o rural. Que tódalas persoas sexan iguais vivan onde vivan. Os modelos urbanos do BNG gañan o espazo público ás personas, porque no espazo público é onde todos somos iguais independentemente da nosa condición social, económica, física… pero para iso hai que dotalo de ferramentas. Non vale con dicir que vas arranxar unha praza, non vale con dicir que vas facer unha actividade… tes que falar coa veciñanza, facela parte activa e que todo o mundo sexa igual. Por exemplo aquí no paseo de Xuvia, ti ves a persoas maiores, nenos e nenas, xente de tódalas culturas… pero cando te saes do paseo de Xuvia as persoas maiores son expulsadas do espazo público, porque non teñen lugares. Temos que humanizar, ter bancos cada 200 metros, pensar que Narón funciona é verdade, pero se tes coche. Cando non o tes é moi difícil.
Un acerto e un erro deste mandato...
Acerto foi cambiar a mentalidade doutras organizacións e outros partidos e que todos agora falen de transformar a realidade, de humanizar. Ese foi un avance conseguido polo BNG.
Unha eiva foi que TEGA e PP votaran a favor da taxa de saneamento que vai endebedar ao Concello de Narón e imos ter que pagala todos os vecinos e veciñas. O BNG sempre se opuxo a iso e incluso estando agora no goberno. Por nós non vai ser que se aplique algo que tiña que pagar o Estado.
Faga unha proposta para cada unha das áreas...
Urbanismo: Un modelo de cidade pensada para as persoas. Humanización, transporte público.
Benestar Social: Traballo en rede con tódalas entidades sociais e aposta porque as traballadoras sociais podan facer un traballo in situ nas vivendas e que non quede simplemente en tarifas administrativas como elas mesmas piden.
Cultura: sacar a cultura do Pazo os 365 días do ano e a tódalas parroquias e barrios.
Economía: Creación dun Instituto Politécnico. Unha cidade de 40.000 habitantes ten que ter formación e convenios coas universidades, destinar fondos a I+D, espazos de coworking para pequenos autónomos e crear emprego de calidade para eses máis de 2.500 parados que non é un número, son persoas.
Que lle falta a Narón que só lle pode aportar o BNG?
Pois a valentía e a ilusión de gañar o futuro para que a xente que ven, que leva aquí toda a vida e a que se marche poida volver e decida vivir aquí. O modelo de cidade. Moitas veces nos preguntan se outra formación podería ter transformado Pontevedra, unha cidade que se caía, e nós pensamos que non porque solo o BNG traballa para que todo o mundo viva nesas codicións. O BNG, a nivel concellos, é unha marca en si mesma.
Que resultados esperan acadar este domingo?
Non o sei. Esperamos subir. Hai unha corrente de simpatía grande hacia o BNG. Igual que o dos pactos, os resultados teraos que decidir a veciñanza e nós non nos imos adiantar pero sí que lles dicimos que confíen no BNG porque alí onde está as que gañan son as persoas, independentemente da súa idade, da súa etnia ou da súa condición, nós traballamos para crear futuro alí onde estamos e en Narón non vai ser menos. Hai proxecto, hai persoas, temos un equipazo e estamos moi ilusionadas.