Eva Veiga e Alfonso Costa acompañan a presentación do disco de Grus Art no Ateneo Ferrolán

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-3798ce9f_1
|

Fito Ares e Bernardo Martínez son dous músicos de longa e fecunda traxectoria profesional e amplo rexistro musical. Foron cofundadores de grupos tan emblemáticos como Jazz Filloa ou, no mundo do folk, os fundamentais Doa. Na actualidade, ben por separado ou xuntos, pertencen a distintas formacións musicais con predominio de estilos como o free jazz. Do mesmo modo, adoito compoñen música para cine, teatro ou tamén espectáculos poéticos.

música, palabra e pintura 
Agora o dúo vén de presentar o seu primeiro traballo conxunto baixo o nome de Grus Art. Trala súa primeira actuación en directo na igrexa de Santa María a Nova de Noia o pasado día 6 de setembro, hoxe ás 20.30 horas estarán no Ateneo Ferrolán para dar a coñecer esta música que conta con grandes doses de improvisación e de elementos de panteísmo, non en van parte del está gravado no bosque con sons de paxaros e murmurio de regatos. Pero Grus Art non estará só e se transforma no colectivo poético Ouriol, no que ademais dos dous músicos actúan creadores da talla da poeta eumesa Eva Veiga e o pintor Alfonso Costa. 
O recoñecido artista plástico improvisa unha creación pictórica ao son da música de Grus Art, mentres Veiga recita poemas propios, os que xorden no momento ou incluso, improvisa. “A música é moi inspiradora –apunta a escritora e periodista–. Ten unha sonoridade ambiental que incita á relaxación, un exercicio libertario que cifra na improvisación tanto o instante fugaz como o seu carácter único. Nunca volverá ser igual, é irrepetible tanto no son, como na palabra e a pintura. Ten o valor do efémero”.  

Eva Veiga e Alfonso Costa acompañan a presentación do disco de Grus Art no Ateneo Ferrolán