Reportaje | Alfonso Tellado rende homenaxe ao xermolo da loita obreira na bisbarra

Reportaje | Alfonso Tellado rende homenaxe ao xermolo da loita obreira na bisbarra
Alfonso Tellado presentará o seu novo libro o vindeiro xoves en Afundación arroupado polo actor Carlos Blanco| d.alexandrea Alfonso Tellado

Non é doado falar con Alfonso Tellado e resumir nunhas liñas as súas palabras, xa que non é o de San Sadurniño dos que din “yo vine aquí a hablar de mi libro”, a pesar de que publica o seu primeiro traballo bibliográfico. El prefire falar de todo un pouco, e de todos, desde o cariño pero co espírito crítico que o caracteriza. 


Atízalle a uns e a outros, amigos ou inimigos declarados (asegura que destes han saír algúns máis logo de publicar este libro), pero conta o que viviu, que non foi pouco, nuns anos convulsos, pouco doados para garantir dereitos laborais e sociais, polos que el, xunto con outros destacados persoeiros loitaron durante décadas desde Bazán e Astano. 


O libro en cuestión, publicado por Edicións Embora, preséntase o vindeiro xoves en Afundación. O acto promete ser tan entretido como o propio documento bibliográfico, xa que para falar da obra estará arroupado nada menos que polo actor Carlos Blanco. 


Non é capaz Tellado de resumir nunhas liñas o contido deste libro. “Eu coido que está a ter repercusión de máis, non se lle pode chamar libro a isto”. Tampouco biografía, “non é unha biografía, xa que non falo de min, falo de moitas persoas e das súas historias, algunhas delas fican esquecidas e compría traelos do esquecemento”, sinala. 


Refírese a aquel grupo de xente que traballaban na sección de maquinaria. “A cousa dexenerou e ata nos insultaban e todo. E que claro,  tiñamos unha idea transversal da vida; hai que gañar máis diñeiro pero tamén hai que rendibilizar o que gañas, iso non gustaba a todos”, lembra Tellado, quen asegura que a idea do libro xurdiu para homenaxear a aquelas persoas que estaban na segunda liña nas manifestacións, “xente moi importante para nós nos talleres que a historia non lles deu o seu sitio. Coñécese, e con razón, a Xulio Aneiros, Pillado, Amor, Riobó pero xunto a eles houbo moitos máis, dos que aprendimos o que era o sindicalismo puro, a loita polos intereses do conxunto os vellos loitadores”, sinala. 


Tellado lembra que “algunhas destas persoas da vella escola, como Manolo Galán, sempre nos dicían se íamos falar co enxeñeiro de turno o fixeramos coa convicción de que no había nada que nos poidera votar á cara, ser honrados por enriba de todo”.


O de San Sadurniño ten palabras tamén para os novos sindicalistas. “É un traballo digno pero non me gusta o formato. En canto a administración regala 300 salarios a maiores do que ti sacas nas eleccións sindicais algo se está corropendo. Deben tener uns 500 salarios repartidos nos diferentes sindicatos, iso, á forza, ten que virse na túa contra”, asegura Tellado, quen engade que estamos ante unha nova versión de líder sindical, un tanto afastada do que eles facían. “Agora se crea unha profesión. Nós cando marchábamos do choio e te reunías. Había que asociarse para defenderse, o progreso é así, pero non é unha cousa separada, eu me organizo para negociar un convenio, iso é un sindicato. Tiña o meu traballo e era sindicalista, se non estaba na empresa nalgún momento por algunha cuestión todo o mundo sabía onde estaba, as cousas mudaron bastante”, sostén.


Tamén lembra cando se legalizaron os sindicatos e que “levaban unha estratexia que nós descoñecíamos”. Deberon adaptarse aos novos tempos aínda que mantendo os principios iniciais.


Outras actividades
Tellado fala con orgullo dalgúns dos logros que conseguiron dende aquel comité de empresa de Bazán entre os 70 e os 80. Dentro desa idea transversal que tiñan, a loita polos dereitos dos traballadores abranguía moito máis que negociar convenios e condicións laborais e salariais. “A nós chegábanos todo tipo de peticións e problemáticas, chegamos a ter activa unha rede de abortos en Portugal, foron centos de mulleres da zona, esposas de traballadores ou fillas, a abortar alí por mediación nosa”, asegura. 


Outro dos logros daquel particular comité de empresa do que se fala no libro de Tellado e que foi noticia en prensa nos anos 80, con motivo da organización dun encontro de irmandade, garda relación cos dous estaleiros da ría e cun curioso récord, o de aportar o maior número de galegos vasectomizados de toda Galicia. 


“Coñecímos un médico que se brindou a axudarnos e chegamos a vasectomizar a xente na mesa do comedor das nosas casas, nunha ocasión ata viñeron uns pilotos de Iberia que pasaban tres días en Santiago, e alá marcharon escarranchados e coa vasectomía feita pero sen temor de deixar preñadas as súas parellas”, rememora Tellado. 


Dentro da vertiente psicosocial tamén tiveron gran protagonismo outros logros, como o de ofrecer o servizo de gardería pública aos traballadores do astaleiro. 


“Nunha ocasión soubemos da existencia dunha pequena gardería pública a directora era unha muller da sección feminina, aparte da súa ideoloxía ela o que quería era encher as aulas e nos axudamos, chegamos a ser casi os directores de aquel centro”, lembra Tellado. 


Iso sí, nun principio, apunta, “a xente era algo reacia a mandar aos seus fillos a unha gardería tendo as mulleres na casa, pero ao final conseguimos que cambiaran, os nenos recibían unha boa educación preescolar e ata a comida e a merende lles daban”.


Tellado saca peito cando recorda cómo tras enterarse do despido de dous pisquiatras en Conxo decidiron contactar con eles para tratar cuestións como o fracaso escolar dos fillos dos traballadores, converténdose nos precursores do Centro Psicosocial de Ferrol.  “Esta xente ata nos axudaba a redactar os convenios colectivos tendo en conta vertentes psicolóxicas que antes nin se contemplaban”, explica. 
No plano laboral aquel grupo de debeu facer fronte a dificultades como a reconversión naval. “O astaleiro era un morto e non había vontade dos que gobernaban de arranxar nada”, afirma.

Reportaje | Alfonso Tellado rende homenaxe ao xermolo da loita obreira na bisbarra

Te puede interesar