A Fundación Artabria busca financiamento para rodar un documental a través de Verkami

carlos taibo, en outubro, nunha charla na fundación artabria d.a.
|

A Fundación Artabria bota man do micromecenado para realizar un ambicioso proxecto audiovisual co que celebrar os seus quince anos de historia. A través da páxina web Verkami, calquera persoa interesada en colaborar economicamente con esta asociación cultural pode facelo. Hai posibilidade de facer aportacións desde os 5 ata os 500 euros. Cada unha delas ten distintas recompensas, desde o figurar nos títulos de crédito do DVD e na páxina web ata recibir catro copias, máis dúas camisetas da Fundación e unha noite nunha casa de turismo rural de Trasancos para dúas persoas.

A cantidade total que precisa a Fundación para levar adiante este proxecto son 5.000 euros. O prazo para contribuír xa está aberto e quedan menos de 40 días para cubrir esta cantidade. Tal e como funcionan estas páxinas de mecenado, se nese prazo non se acada a cifra fixada, anúlase a proposta.

 

historia

O que pretende a Fundación Artabria é gravar un documental, con medios profesionais, no que se reflictan os seus quince anos de historia, desde que comezarn como centro social comprometido co idioma e coa cultura galega. “A Fundación Artabria inaugurou en 1998 unha nova xeración de centros sociais creados á marxe das institucións, por iniciativa de colectivos comprometidos co idioma de Galiza, que desde entón se estenderon por todo o país”, explican. “Naceu da transformación da Asociación de Lingua Artabria, á súa vez creada en 1992, para realizar un traballo de socialización do uso da lingua galega ou galego-portuguesa na cidade de Ferrol e na comarca de Trasancos”.

Festivais, concertos, exposicións, conferencias, debates e diversas propostas de dinamización lingüística marcaron a traxectoria desta entidade desde a súa creación, tanto na súa sede (primeiro na Magdalena e agora en Esteiro) como noutros espazos da comarca.

Entrevistas e material de arquivo e inédito da Fundación formarán parte deste documental, que despois se porá á venda, a prezo de custo, en toda Galicia.

“Somos persoas traballadoras que nestes tempos sufrimos directamente os efectos da crise imposta. Por iso decidimos apelar unha vez máis ó noso pobo, á Terra de Trasancos e á Galiza enteira, para facer posible esta idea”, sinalan.

 

A Fundación Artabria busca financiamento para rodar un documental a través de Verkami