Así nos vai

Cando estamos a ler e a escoitar, por aquí e por acolá, os escandalosos montantes de negocio que, a conta de tantas mortes, contaxios, hospitalizacións..., andan a facer pola Galicia e a España adiante as empresas privadas relacionadas coa saúde, bato coa nova de que o sindicato ao que pertencín toda a vida se dirixiu á Consellería de Educación instándoa a que medie co Sergas a fin de que este inclúa nas listaxes de cribados masivos o profesorado que non está cuberto pola sanidade pública por se ter acollido, voluntariamente, á prestación sanitaria privada. Se cadra elixiron esa opción por lles pareceren máis finos e distinguidos os espazos que lles brindan esas entidades, cando menos, distantes da masa que acode a centros de saúde e hospitalarios públicos. Os que coñezo ben, porque, en coherencia coa miña ideoloxía, como funcionario sempre escollín a sanidade pública. Paréceme que os sindicatos de clase, lonxe de peticións desta caste, o que tiñan que facer era protestar porque as privadas non esteñan a cumprir coas súas obrigas e aconsellar á afiliación que opte polas prestacións públicas.

Actuacións sindicais como estas seméllanme inauditas. Entre tanta obscenidade, parece algo menor, mais obscenidade hai, ao fin e ao cabo. 

Así nos vai

Te puede interesar