Onte mesmo, a ollada –sempre sagaz, crítica, limpida e solidaria– de Xaquín Marín centrábase nese, por desgraza, tan frecuente mirar para outro lado cando entendemos que as cousas malas que están a acontecer no mundo –ao carón ou lonxe de nós– non teñen que ver connosco. Mais é evidente que, dun xeito ou doutro, todo nos afecta, sen esquecermos que o noso silencio, aínda a sabendas de que pouco vai ser o que fagamos, faise sempre cómplice do que sucede.
Na miña mente sempre están presentes estes dous versos: “Y en la calle codo a codo / somos mucho más que dos”, do excelso poema “Te quiero”, de Mario Benedetti, como saben musicado polo arxentino Alberto Favero, que tantas veces teño escoitado enlatado ou en directo. Emocionoume a interpretación do Coro da Universidade da Habana, no paraninfo desta Alma Mater, no acto de investidura como Doutor Honoris Causa do poeta uruguaio. Un, normalmente, pouco fai, mais moitos uns poden facer de todo.
Na viñeta de Marín de onte podemos ver un ocioso consumista fumando, bebendo e enlixando o chan de cabichas e latas; unha labazada de maltratador machista a unha muller; a sempiterna carteira do capitalista que só pensa no cartiño; o mar, o sol, un caiuco arribando á costa e un mísil no ar na procura da morte de inocentes. E o Isolino atinando no dicir: “Se pasas, pasa o que pasa”.
E penso que nos últimos nove meses e tal temos pasado moito. Véñenme á cabeza as concentracións semanais contra os indiscriminados ataques a Gaza, que durante un tempo se fixeron no Obelisco coruñés, ás que puntualmente asistín, malia que ventase e chovese a cachón –e abofé que moita auga e vento nos acompañou– ata que todo foi esmorecencendo. Agás as máquinas de destrución e morte, que non cansaron nunca, que non pararon de matar e matar e matar... ducias, centos, miles...
Mentres, entre nós, o persoal atento só ao seu, exercendo a liberdade, que chaman algúns, da terracita, da cañita e do aí mas dean todas. Sen perder de vista os macroconcertos que pululan por aquí e por acolá. Teño ido –aínda recentemente– a moito concerto multitudinario de grandes da música e a algúns varias veces: Rolling, Bowie, Dylan, MacCartney, Ringo Star... Hai algo menos dun mes actuou en Donosti Bruce Springsteen. Aínda que xa o vin catro veces pensara en ir, mais polo asunto das consultas médicas periódicas fun retrasando a compra da entrada e cando souben con certeza que podería ir xa estaban esgotadas. Porca miseria! O pasado mércores, un grupiño de compañeiros de moi vello na Universidade da Coruña celebramos o xantar anual que vimos facendo desde hai máis de trinta anos e un deles contounos que estivera en Anoeta e saíra encantado, tanto das cancións como da contextualización que foi facendo delas en paralelo coa política americana e das consecuencias da volta ao poder de Donald Trump.
Mais, fóra do Festival de Ortigueira, nunca fun a ningún destes de abonos de varios días, tal o Morriña Fest, que terá lugar en breve. Cando a presentación do programa, a alcaldesa destacou a participación, como cabeza de cartel, do rapeiro Residente. Agora, o cantante fixo público que non pode participar nin un só segundo en algo que estea relacionado, aínda que sexa da maneira máis mínima, con operacións inmobiliarias en territorios palestinos ocupados, contribuíndo indirectamente ao xenocidio e á violación dos dereitos humanos. Un xesto digno de loanza que fixeron tamén outros músicos noutros festivais do mesmo corte. Hai que falar e non calar.