A “Sanxenxuada” de Esperanza Aguirre

Podería ser a representación xenuína de “fodechincha”, da madrileña que vén a Galicia con aires de superioridade pretendendo dar leccións de como debemos falar e comportarnos. Madrid para a xente así é España e o resto somos pobos atrasados que convén poñer baixo a tutela centralista. E tanto está convencida de que Madrid é o espello no que debemos mirarnos que vai e ponse a dar leccións e consellos de como temos que falar para non poñernos en ridículo diante dos ilustrados madrileños de pro coma ela. Síndrome palpábel de manifesta estupidez.


O desleixo da nosa lingua vén de moi atrás, cousa que despois o franquismo contribuíu a manter e mesmo a conservar e potenciar. Na antigüidade mandábanse dende Castela a Galicia abades, abadesas e mestres a impor o castelán en detrimento do galego, que era o idioma que falaba o pobo, e a estas chegamos. É dicir: un asoballamento en toda regra seguindo a praxe de que o forte manda e o débil obedece. Pois ben, esa síndrome de superioridade aínda prevalece e o exemplo papábel o temos na señora Esperanza Aguirre, que o outro día vai e sen pensalo dúas veces di que se debe dicir Sanjenjo porque é así como se di na lingua castelán (sic), e non Sanxenxo, palabra que a ela debe custarlle moito pronunciar. Non sei como se pode chegar a este extremo de ignorancia e soltar esta arroutada que faría ruborizar a calquera persoa con dous dedos de fronte, pero –que va!– a señora Aguirre, xenio e figura. Porque imos ver, señora Aguirre, non sexa vostede máis papista que o papa. Verá, se vostede defende o castelán como lingua preponderante en detrimento do galego e pretende dar leccións de correcto vocabulario debería chamar a esta localidade galega Sanginés porque saiba que Xenxo en galego é Ginés. Xenxo de Arlés, un mártir cristián, é patrón da vila, e por aí van os tiros, miña sabia señora. Co paso da ditadura á democracia moitos dos topónimos foron volvendo ás súas orixes e o de Sanxenxo foi un deles. Quédalle claro, señora Aguirre? O topónimo Sanjenjo xa non existe oficialmente como tal. Vaia aprendendo a chamar as cousas polo seu nome verdadeiro.


Esta señora o máis probable é que non veña por aquí, terá suficiente co seu “Sanjenjo”, pero de achegarse o mesmo faría a suxestión de chamarlle a Valdoviño “Valledelvino”, porque así soa a máis castelán, ou a Covas “Cuevas” e a Pontedeume “Puentedeleume” pola mesma razón. Non, mellor quede e non dea máis leccións de castelanismo, teña máis respecto a un pobo e a unha terra que é parte da riqueza da diversidade de culturas que configuran España, incluída Madrid, claro.

A “Sanxenxuada” de Esperanza Aguirre

Te puede interesar